MONTERREI

O festival de curtas da vila terá o decidido apoio do comercio

Mercar nos establecementos de Aever permitirá obter entradas para as diferentes proxeccións

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín (Aever) apoiará a III edición do FIC Vía XIV coa posta en marcha dunha serie de accións promocionais en diversos establecementos da vila. O xerente de Aever, Jose Ángel Rodicio, comprometeu o apoio da organización que preside Santos Álvarez Diéguez ao director do certame, Carlos Montero, coa sinatura dun acordo de colaboración que incluirá un concurso de escaparates de película e sorteos de produtos, entradas e bonos para o certame.

Segundo destaca Rodicio, "o festival vai atraer ata a vila a numeroso público, o que redundará positivamente no comercio e na restauración da zona". Por este motivo, considera "moi relevante contribuír ao desenvolvemento dun certame que ano tras ano se vai consolidando na axenda cultural de Verín". Ao abeiro do marco de colaboración establecido, os comerciantes de Verín que participen na iniciativa engalanarán os seus escaparates con motivos relacionados co cinema entre o 19 de novembro e o 9 de decembro. Os tres mellores escaparates serán premiados con 150, 75 e 50 euros, respectivamente. Xunto a isto, Aever doará ao FIC un lote de produtos procedentes de diversos comercios da zona para ser sorteado durante a celebración do festival.

Te puede interesar