AUDIOVISUAL

O Festival de Curtas potenciará o papel dos profesionais locais

talelr_fic_result
photo_camera Un momento do Foro Visións co que se abríu o Festival Internacional de Curtas.

O obradoiro "Achegar o cine ás persoas" e o Foro Visións puxeron en marcha o programa de actividades

Como actos previos á gala inaugural desta noite, o FIC Vía XIV de Verín abriu onte as súas portas coa primeira xornada do obradoiro "Achegar o cine ás persoas", a cargo da cineasta vasca Maider Fernández, e co desenvolvemento do Foro

Visións, un proxecto impulsado e coordinado por Xisela Franco e Beli Martínez para dar visibilidade ás cineastas da provincia de Pontevedra. 

Esta segunda edición do Festival de Curtas de Verín conta coa participación de diversos profesionais e artistas locais que co seu traballo creativo se están a involucrar no desenvolvemento do certame.

Un destes artistas é Fernando Barreira, responsable do deseño dos principais galardóns e da creatividade do escenario. Barreira, que conta cunha sólida formación en arte, pintura, debuxo, escultura, decoración e moda e con máis de 40 exposicións ás súas costas, afirma que se insipirou na “V” de Verín e de Vía XIV.

UN ESCENARIO DE ALTURA

Por outra parte, á hora de crear o escenario tivo en conta "a temática dispar das bases do festival” que lle obrigou "a construír tres columnas de 3,75 metros de altura con

emoticonos gráficos referentes aos temas centrais do certame: Entroido, Emigración e Fronteira”. En total, engade, "son máis de 60 pezas individuais que forman un todo e que ao xirarse, co apoio das luces, irán marcando o percorrer do festival: estruturas dinámicas para unha idea dinámica”. 

Por outra banda, no marco de dar protagonismo a outros artistas verineses no deseño do premio do público, este ano o encargado de crear esta peza foi o pintor e escultor Xosé Gómez Rivada. 

Outro nome propio nesta edición do FIC é o de Jorge Godás, descendente dunha coñecida familia de fotógrafos verineses, que se está a ocupar de todo o deseño gráfico e audiovisual das diversas pezas que compoñen o certame.

A gala inaugural esta noite ás 21,00 horas

O tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e o director do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV, Carlos Montero, inaugurarán oficialmente a II edición esta noite ás 21 horas no auditorio da vila. Durante a gala inaugural, presentada polo actor Tonho Salgado, proxectarase o filme "Os días afogados". Os directores desta película César Souto e Luis Avilés participarán, tamén, no acto de inauguración do certame. Catro horas antes está previsto que se proxecte, tamén no centro das artes escénicas, o documental "Extraño por fuera, salvaje por dentro", de Pedro e Miguel Losada. Ambos estarán presentes tamén no foro do mesmo nome, que pretende explorar, en colaboración coa Sociedade Antropolóxica Galega, o concepto do "Entroido" como fenómeno que afecta e compete a toda a poboación da comarca de Verín.

Te puede interesar