O Fórum Galaico Transmontano presenta a súa revista en Verín

forum trasmontano, chaves e verin
photo_camera Dirección do Fórum Galaico Transmontano.
A presentación será na Biblioteca de Verín o vindeiro 19 de outubro

A Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá o próximo sábado, ás 12,00 horas, a presentación da sétima revista do Fórum Galaico Transmontano: “Galiza - Portugal: Relaçôes culturais no século XX”, unha obra que se editou no 2019 pero que tivo que adiarse a súa presentación debido ao coronavirus. Tras estes anos, a directiva do Fórum presentará a revista e, tras unha comida, levarán aos participantes a coñecer o patrimonio de Verín, cunha visita ao convento e igrexa dos Mercedarios e á Igrexa Santa María a Maior. 

O verinés Adolfo Rolán, presidente da dirección do Fórum, explica que “xa se publicaron sete revistas do Fórum e dúas separatas, que abordan variados temas da historia, literatura, lingüística, música, antropoloxía e outras temáticas relativas á área territorial que abarcamos dende este círculo de estudos e divulgación”.

O Fórum Galaico Transmontano foi fundado o 5 de decembro de 2008 en Chaves (Portugal), unha asociación cultural que naceu do soño de José Fernando Rúa Castro e Luís Dias de Carvalho para divulgar a unión cultural na fronteira. A este grupo sumáronse inmediatamente persoas do Alto Támega, Barroso e Galicia co apoio das cámaras municipais de Chaves, Boticas, Montalegre, Valpaços e Vila Pouca de Aguiar (Portugal), así como o Concello de Verín.

Te puede interesar