ENTREVISTA

Francisco Silva: "Todo o recaudado do libro destinareino á loita contra o cancro"

francisco silva, autor libro verin aecc
photo_camera francisco silva, autor libro verin aecc
Francisco Silva doará todo o que recade do seu libro "Sueños de un labrador, vivir en y de la tierra" á Asociación Española contra o Cancro

Francisco Silva Prieto, veciño de Verín, naceu no 1954 en Monteveloso -no Concello de Castrelo do Val- e viviu dende os 17 anos en Barcelona. Co seu regreso á comarca no 2008 e coa súa xubilación decidiu darlle forma a todo o que leva recollido dende cativo nun libro, baixo o nome Sueños de un labrador, vivir en y de la tierra. Con toda a súa boa fe, o que recaude coa venda do libro, irá destinado á investigación da Asociación Española contra o Cancro, causa coa que está moi comprometido.

libro de francisco silva verin aecc

Portada do libro de Francisco Silva.

Vostede naceu nunha pequena aldea do rural e acabou vivindo moitos anos nunha gran cidade. Por que?

Marchei para Barcelona con 18 anos porque na aldea non había forma de vivir, non había nada. Cheguei á cidade e comecei a traballar na construción, e despois de facer o servizo militar traballei de mecánico 32 anos. Alí coñecín a miña muller. Por sorte a vida foinos ben e no 2008 puidemos volver para a casa.

Entón, que prefire, o rural ou a cidade?

Eu prefiro o rural ao 100%, o que pasa é que hai que vivir dalgo, e se tes unha profesión ou estudos aquí non se fai nada. O rural é moi desagradable no tema do traballo, non tes forma de vida normal, sempre estás traballando e con resultados mínimos. Pero é contraditorio porque realmente vivimos do rural, hai moita xente que ten estudos superiores pero non sabe como se sementa unha patata, que é do que vivimos ao fin e ao cabo. Ademais, no rural o trato é máis cercano, todo é máis cómodo e a vida é máis barata.

Ao voltar á casa decidiu darlle forma a todo o que viviu en Sueños de un labrador, vivir en y de la tierra. De que trata?

Os primeiros capítulos tratan de como comecei a vivir cos meus avós, que foron os que me criaron e ata os 11 anos non puiden vivir co meu pai, ademais do difícil que foi para eles manter a catro irmáns.

Na segunda parte falo de min. Cando marchei a Barcelona, cando fun ao servizo militar, o mal que o pasei... Pero despois a vida foinos bastante ben e puidemos conseguir algo para poder ahora vivir onde vivimos.

Por que decidiu escribir o libro?

Para aportar un graniño de area na loita contra o cancro. Todo o diñeiro que recade do libro destinareino integramente á loita contra o cancro na Asociación Española contra o Cancro, para a investigación, e unha parte tamén me gustaría adicarlla a axudar as persoas que sofren esta enfermidade.

Na miña familia vivimos varias veces o cancro. Miña nai e meu avó faleceron da enfermidade, ademais outros familiares tamén atravesaron esta loita. Entón, ao velo cerca decateime do duro que é todo o proceso, por iso decidín sacar o libro á venda e axudar á xente que o necesita.

Como foi o trato coa Asociación?

Estiven falando coa responsable aquí en Verín e foi moi agradable, pero tamén chamei a Madrid, e a verdade é que me defraudaron un pouquiño respecto a forma na que traballan estes asuntos. Eu pensei que me ían a axudar a visibilizalo, o tema da distribución, e dixéronme que non. Deixáronme con un pouco de mal sabor de boca pero bueno, a causa é máis importante que os nosos desacordos.

Como ve vostede esta enfermidade?

O cancro é unha enfermidade moi dura. É moi difícil levalo. As persoas que o teñen e son operadas e sometidas a quimioterapia e radioterapia pásano moi mal. Foi por esa terrible sensación pola que decidín involucrarme un pouquiño e tentar botar unha man aos que o precisan.  Non todo o mundo ten capacidade económica para afrontalo, é dicir, non todo o mundo pode desplazarse por exemplo de aquí a Ourense.

Cal sería a súa máxima satisfación?

Eu non quero un céntimo do libro, porque a miña satisfacción máis grande é velo escrito e pensar que podo axudar. E por riba disto, sentiríame moi satisfeito se o que eu poida aportar serve para salvar unha vida.

Como está sendo o proceso de visibilización?

Comecei este luns e fixen 21 copias que xa non me quedan. Agora estou imprimindo máis e buscando a forma de publicar maior número de libros e visibilizar a causa, pero é un proceso costoso. Polo momento estará en tres librerías de Verín, son 300 páxinas a un prezo de 13 euros. Imos pouco a pouco, de momento sementamos e agora temos que ver se recollemos algo.

E para rematar, a quen lle adica o libro?

Aos meus avós, que foron esenciais na miña vida, e tamén a toda a xente do rural, cos que compartín moitos momentos. 

Te puede interesar