A Xunta de Galicia e A Gudiña queren acondicionar a estrada OU-533

Xunta e A Gudiña
photo_camera Ethel Vázquez e José María Lago no encontro, celebrado este xoves en San Caetano.

A conselleira de Infraesruturas e Mobilidade e o alcalde de A Gudiña reuníronse para tratar a mellora de infraestruturas de cara ao funcionamento do AVE

 

O Concello de A Gudiña e a Xunta de Galicia coinciden na oportunidade que supoñen os fondos europeos do Plan de Recuperación para levar a cabo o acondicionamento da estrada autonómica OU-533, entre A Gudiña e A Rúa.

Este proxecto estratéxico para as comuncacións da zona, abordouse nunha reunión celebrada este xoves en San Caetano entre José María Lago, alcalde de A Gudiña, e Ethel Vázquez, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Na reunión, Vázquez comunicoulle ao alcalde que a Xunta xa ten solicitado ao Goberno de España fondos de reconstrución para o acondicionamento desta estrada autonómica, no marco do obxectivo estratéxico de mellora das infraestruturas e comunicacións no ámbito rural, para a mellora da accesibilidade.

Tanto Lago como a conselleira coincidiron en que a mellora da estrada autonómica contribuirá ao reequilibrio territorial dos municipios da zona, ante a posta en servizo da alta velocidade ferroviaria e a nova estación do AVE situada neste municipio.

Ademais, o acondicionamento da OU-533 entre A Gudiña e A Rúa permitirá que os veciños de O Barco de Valdeorras, A Rúa, Petín, O Bolo ou Viana, teñan mellor acceso á dita estación. Isto tamén supón a mellora das comunicacións por estrada destes concellos con Madrid, a través da A-52, e tamén coa fronteira portuguesa.

Continuidade da senda peonil

Na reunión, a conselleira tamén lle trasladou ao alcalde a intención da Xunta de darlle continuidade á senda peonil que se está a executar na estrada OU-533 para facilitar o acceso á nova estación do AVE, cun investimento de máis de 48.000 euros.

A senda, de formigón, está a executarse pola marxe esquerda da estrada autonómica, desde o punto kilométrico 0+070, no paso baixo o ferrocarril, ata as proximidades da localización da futura estación Porta de Galicia. O itinerario conta, na súa maioría, cunha anchura de 2,5 metros. 

Este proxecto mellora a accesibilidade á nova estación, pero para isto, ADIF debe resolver a súa continuidade nos terreos internos da terminal e no paso inferior, que provoca un estreitamento e unha redución de gálibo que debe ser solucionada. A Xunta xa trasladou a cuestión a ADIF, sen ter obtido ata agora resposta positiva.

Te puede interesar