sanidade

O Hospital de Verín conta xa cun sistema dixital de quendas

hospital verin
photo_camera Os caixeiros están ubicados no recibidor principal do Hospital de Verín.
O novo método integra dous caixeiros para tarxetas sanitarias e 14 pantallas colocadas en varias salas

O Hospital de Verín vén de dar un paso mais na súa modernización coa instalación dun sistema dixital de rexistro e aviso de quendas, denominado coa mesma palabra. Trátase, segundo explicaron  dende o Sergas, dunha "innovadora solución TIC -tecnoloxías da información e da comunicación- para a atención de citas de pacientes en consulta". 

O novo sistema, integrado por dous caixeiros e 14 pantallas, permite que o paciente rexistre a súa entrada na área de consultas, previa introducción da súa tarxeta sanitaria ou do seu número do Documento Nacional de Identidade -os dous caixeiros de rexistro xa están ubicados no vestíbulo da entrada principal do hospital-.

Posteriormente, un aplicativo informático confirma a súa cita e, por ende, emite un pequeno papel impreso co número de quenda e sala onde a persoa será atendida. Esta cifra tamén estará visible nalgunha das distintas pantallas instaladas nas salas de espera do centro hospitalario verinés. 

O obxectivo da instalación deste novo mecanismo é preservar a identidade dos pacientes, que xa non serán requeridos polo seu nome e apelidos. Do mesmo xeito, é  posible efectuar un seguimento dos mesmos por parte dos profesionais sanitarios, xa que o propio sistema informa súa presenza dos na área de consultas ao persoal médico ou de enfermería que os atenderá. 

A información en tempo real evita, segundo o Sergas, "a perda de tempo" resultante das ausencias ou repetición das chamadas, pero tamén mellora o seguimento dos pacientes nas consultas de alta resolución permitindo saber, por exemplo, se xa están de volta trala realización dalgunha proba complementaria que deban practicar noutra área. Asimesmo, permite axilizar o rexistro da atención do paciente na consulta externa por parte do profesional sanitario. 

O Complexo Hospitalario de Ourense e o Lucus Augusti de Lugo foron os primeiros centros en aplicar esta tecnoloxía que foi estendida ao conxunto da rede pública galega.

Te puede interesar