SANIDADE

O hospital de Verín rexistrou no 2017 un total de 69.227 consultas

O hospital de Verín estreou este mes o servizo de atención a domicilio cos tres primeiros pacientes da comarca que xa están a recibir na casa os coidados especializados dunha unidade de hospitalización

O hospital de Verín estreou este mes o servizo de atención a domicilio cos tres primeiros pacientes da comarca que xa están a recibir na casa os coidados especializados dunha unidade de hospitalización. Coa posta en marcha desta iniciativa, a xerencia do centro hospitalario cumpre así co compromiso de continuar ampliando a oferta asistencial pública na comarca de Monterrei, cun protocolo que permite ofertar os mesmos coidados especializados a todos os pacientes da provincia que están ingresados, pero neste caso, nos seus domicilios. 

A posta en marcha do servizo HADO (hospitalización a domicilio) coincide coa publicación dos resultados do hospital do exercicio 2017, tentando así pór en entredito os argumentos que levaron a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na comarca a convocar a manifestación que esta mesma tarde terá lugar, dende as 18,30 horas e con punto de partida o propio centro hospitalario. Segundo informa a xerencia do hospital, "dende a apertura do mesmo, no 1994, este centro comarcal non fixo senón aumentar as súas especialidades médicas ofertando novas consultas e probas diagnósticas. Ademais de manter as que xa tiña -e Pediatría nunca foi unha delas-, ampliouse a oferta con Dixestivo, Endocrinoloxía, Neuroloxía, Oncoloxía, Reumatoloxía e Cardioloxía. Só en 2017 se atenderon, nesas novas especialidades, 10.472 veciños da comarca", aseguran. Do balance do 2017 tamén se desprenden datos como o número de intervencións cirúrxicas (2.542), ingresos (2.849), consultas (69.227) e urxencias (13.372).

Te puede interesar