MONTERREI

Jiménez Morán quere "recuperar o que perdeu Verín nestes catro anos"

Manuel Baltar ratificou a Jiménez Morán como candidato.
photo_camera Manuel Baltar ratificou a Jiménez Morán como candidato.

Baltar destacou que a súa alcaldía “deu o debido protagonismo a vila”

Juan Manuel Jiménez Morán liderará a proposta dos populares para a alcaldía de Verín. O obxectivo do actual voceiro da oposición na vila é "recuperar todo o que perdemos nestes catro anos de nula xestión e despilfarro que só nos levaron ao empobrecemento do concello". 

O presidente provincial, Manuel Baltar, respaldou esta candidatura e sinalou que, os verineses, "teñen a oportunidade de cambiar o actual rumbo do concello a prol da experiencia e xestión dun alcalde e un partido que lle deron o debido protagonismo a Verín". 

JuanManuel Jiménez, nado na localidade en 1956 e cunha dilatada traxectoria na política local -foi concelleiro dende 1983 e estivo 17 anos na alcaldía-, asegurou que manten a ilusión "intacta" para recuperar un Consistorio "do que agora únicamente saen novas negativas, cun goberno de nula xestión e despilfarro progresivo que só conseguiu baleirar prácticamente as arcas municipais". 

Na súa presentación como candidato as vindeiras eleccións do 26 de maio, o aspirante popular tamén falou da situación económica da vila do Támega amosándose preocupado polo peche de "máis de 60 establecementos comerciais" nos últimos anos e a "perda dun milleiro de habitantes" en tres anos e medio. "E non so iso", engadiu. "Ademais pecharon importantes empresas e perdéronse moitos postos de traballo ata converter Verín nun deserto industrial", engade. 

Jiménez propón crear as condicións económicas necesarias para regresar ao camiño do progreso, da actividade comercial, dos proxectos termais e do protagonismo comarcal de antano.

Te puede interesar