mejoras

Laza inaugura unha senda peonil en Soutelo Verde cun investimento de 48.000 euros

O goberno galego busca dotar aos concellos de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe

O Concello de Laza vén de inaugurar unha nova senda peonil na estrada OU-113 ao seu paso polo núcleo de Soutelo Verde. O novo vial contou cun investimento de 48.000 euros con cargo á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Precisamente, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou onte o resultado desta actuación que se iniciou durante o pasado mes de agosto. 

Díaz Mouteira, que estivo acompañada da xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, Alicia López, explicou que esta actuación ten como obxectivo "o acondicionamento da estrada e a mellora da mobilidade dos peóns. Nesta liña, as obras darán solución á falta de continuidade das beirarrúas actuais neste núcleo de poboación". 

Coa intervención na OU-113 levouse a cabo unha reestruturación desta vía e executouse na marxe esquerda, concretamente, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 22 e 22,260, unha senda peonil. As obras consistiron na ampliación do carril de dita marxe esquerda ata os tres metros e a formación dun arcén de 0,5 m de ancho. A senda, na marxe esquerda da estrada, conta cun ancho mínimo de dous metros.

A delegada territorial da Xunta remarcou que esta actuación se enmarca na estratexia deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta para a promoción de contornos seguros, o fomento da mobilidade sustentable e a mellora da accesibilidade e calidade de vida da cidadanía. O Goberno galego busca dotar os concellos de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe.

Te puede interesar