ENTROIDO

"Máis dentro ca nunca" é o lema do cartel do Entroido de Laza 2021

entroido laza 2021
photo_camera Laza mantén vivo o seu espírito entroideiro.
A través do diseño de Alba Queija, a Comisión do Entroido e a Asociación Enlazados sacaron á luz o cartel de Entroido para este ano

Cada ano, a Comisión do Entroido e a Asociación Enlazados sacan un cartel en Laza promovendo o Entroido e, aínda que este ano debido á situación sanitaria actual non se pode celebrar o acontecemento, decidiron facer un cartel. En Laza é tradición gardar os carteis e "sería raro que non tiveramos do 2021".

Para esta iniciativa, a poucos días de que chegara a semana grande do Entroido, a Comisión do Entroido e a Asociación Enlazados puxéronse en contacto con Alba Queija, unha lazana que vive dende cativa esta celebración, para que deseñara o cartel deste ano. 

"Estudei deseño industrial e houbo un ano que fixen pegatinas para o Entroido" di Alba Queija que agradece que se lembraran dela para esta tarefa. Coa axuda de Jacobo Novoa, un veciño de Laza, que lle cedeu a fotografía protagonista do cartel a esta lazana, Alba Queija deseñou o cartel baixo o lema "máis dentro ca nunca".

cartel entroido laza 2021

"Quixemos marcar que a xente vai quedar na casa esta vez por imposición, pero que o Entroido se leva por dentro", conta Queija, por iso na fotografía se ve un corredor. Antes de Entroido é tradición pór o traxe do Peliqueiro nestes corredores a secar e para peinar para que estiveran preparados para Entroido. "Deste xeito estamos a dicir que aínda que non se poida celebrar levámolo por dentro e para que todo o mundo saiba que estamos preparados para que saia o Peliqueiro cando se poida", explica a deseñadora.

Ademais, o xogo de palabras que garda o cartel fai fincapé en que o sentimento está dentro do fogar, "xa que non se pode saír", pero tamén vai dentro de cada entroideiro de Laza, "posto que non o podemos exteriorizar", lamenta Alba Queija.

Así, mediante Alba Queija, e coa iniciativa da Comisión do Entroido e da Asociación Enlazados, Laza xa ten cartel para este peculiar Entroido 2021.

Te puede interesar