DESCUBRIMENTO

O lume puxo ó descuberto tres petroglifos preto da Xironda

_petroglifos_verin3_result
photo_camera Un dos petroglifos atopados que, segundo o seu descubridor, presenta características de arte atlántica.

O historiador Bruno Rúa localizounos cando paseaba polos  restos dos últimos incendios na zona

Os lumes nos montes da comarca de Monterrei deixaron tras de si unha paisaxe case desértica.

Mais tamén contribuíron ao achado de tres novos petroglifos no entorno da ruta Vía XIV, no corazón do Val do Támega. En concreto, atópanse n as inmediacións da localidade da Xironda, no concello de Cualedro. O seu descubridorfoi o filósofo e historiador Bruno Rúa quen, facendo ruta polas terras queimadas atopou estes tesouros prehistóricos que apareceu, nas súas palabras, entre "a miseria da cinsa". Até o de agora, na comarca de Monterrei había coñecemento de pouco máis de 200 petroglifos que Rúa chama "de coviñas". "Hai algúns, preto de Sandín, que teñen ferraduras e combinacións delas; tamén en Feces , San Martiño ou Covas Rubias temos petroglifos" afirma o historiador. 

Foi o pasado 28 de setembro cando publicaba o seu achado na páxina de Facebook Vía XIV, dúas semanas despois de que ardera toda a zona, obxecto agora de observación. Afirma o experto que son os primeiros que atopa "con características de arte atlántica".

Malia que aínda se precisa dun exhaustivo estudo para determinar con exactitude outras características dos achados, Rúa considera que estes petroglifos son "unha oportunidade para esta terra, pois dándolles o valor que lles corresponde, vai vir moita xente a velos e a convertelos en riqueza da comarca, social ou monetaria". Afirma tamén que "é moi lamentable que estas cousas teñan que aparecer porque pasou por alí o inferno do lume". De feito, moitas das pedras da zona resultaron danadas polas altas temperaturas dos lumes e xa se están desconchando. "O que se atopou é de todos e fainos máis ricos", conclúe o historiador verinense.
 

Te puede interesar