AUDIOVISUAL

Mabel Rivera será a actriz homenaxeada no FIC Vía XIV

mabel rivera
photo_camera La actriz Mabel Rivera (MARTIÑO PINAL).
O Festival de Curtas comezará o 30 de novembro e a organización examina máis de 700 proxectos

A organización da cuarta edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, o FIC Vía XIV, deu a coñecer este luns a actriz que será homenaxeada nesta nova entrega que arrancará o vindeiro 30 de novembro, e que non será outra que a ferrolá Mabel Rivera. 

Se o ano pasado foi Antón Durán Morris o actor que recibiu o recoñecemento da vila verinesa, nesta ocasión será a quenda para a mítica actriz galega. E é que tal e como sinalou a organización do FIC Vía XIV, Rivera posúe unha dilatada traxectoria artística no eido da actuación e dende os anos 70 ten participado en multitude de proxectos teatrais, televisivos e de cinema. Gañadora dun Premio Goya por "Mar Adentro", no ano 2005, a ferrolá é un rostro ben coñecido para os telespectadores galegos, especialmente, pola súa participación na célebre serie "Pratos Combinados", que estivo en antena durante oito anos na Televisión de Galicia.

Tal e como adiantou o director do festival, o comunicador Carlos Montero, en torno á figura desta destacada actriz da nosa comunidade articularase "unha actividade na axenda paralela do festival, que incluirá unha charla coa homenaxeada e a proxección dunha selección de curtametraxes nas que ten participado ao longo da súa fecunda carreira". Estas iniciativas virán a completar outras moitas que se desenvolverán ao longo dunha semana enteira en distintos escenarios da vila e que tratarán de involucrar, ao máximo, a toda a cidadanía con este certame de curtas. 

Logo de recibir a noticia deste recoñecemento na localidade de Verín, a actriz afirmou sentirse "moi agradecida" pola homenaxe, ao tempo que amosou o seu compromiso para participar na cuarta edición do Festival Internacional de Curtas de Verín. Neste sentido, Rivera considera importante respaldar "aqueles espazos que, coma o FIC Vía XIV, achegan propostas e tendencias cinematográficas aos habitantes das vilas galegas, que non sempre teñen acceso á maior oferta de contidos e á axenda cultural que existe nas nosas cidades".

Te puede interesar