emprego

A Mancomunidade de Verín inicia o seu obradoiro de emprego

A delegada territorial, Marisol Díaz -segunda pola esquerda- inaugurou o curso na comarca.
photo_camera A delegada territorial, Marisol Díaz -segunda pola esquerda- inaugurou o curso na comarca.
Participarán un total de 16 mozos menores de 30 anos e da contorna

Un total de 45 alumnos comezaron este luns tres obradoiros de emprego promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Ourense. Co gallo do inicio do curso, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou aos 16 participantes do taller "Mocidade da Mancomunidade de Verín IV" no que están integrados os concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós. A iniciativa forma parte do programa de Garantía Xuvenil e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo. 

Este programa mixto de formación e emprego está centrado no eido da atención sociosanitaria a persoas no domicilio e da froitocultura. Precisamente, en canto a esta última especialidade, o alumnado, entre as actuacións proxectadas, realizará ensaios de viña e cultivos asociados no centro agrogandeiro do Inorde na comarca.

Os outros dous talleres xuvenís estarán promovidos pola Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense e o Concello do Barco de Valdeorras, e neles impartiranse especialidades formativas de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, así como produción fotográfica ou operacións de gravación e tratamento de datos, respectivamente.

Por último, a Xunta poñerá en marcha próximamente na provincia de Ourense 14 obradoiros duais de emprego.

Te puede interesar