8 de marzo

A Mancomunidade regala pulseiras pola igualdade

O Centro de Información da Muller distribuirá tamén unha publicación polo 8-M

Varias son as actividades que o centro de información da muller da Mancomunidade de Municipios de Verín organiza co gallo da celebración, mañá día 8 de marzo, da xornada internacional da muller. 

Destacan, ademáis da lectura do manifesto previsto para as doce do mediodía na praza do Concello -no que estarán presentes representantes dos sete concellos integrantes, centros educativos, entidades sociais e sindicatos- onde unha muller porá voz a todas as da comarca e miles de pulseiras de compromiso coa igualdade serán distribuídas pola CIM; as xornadas educativas nos institutos e a promoción do que xa se coñece como "Diario Igualdade". 

O centro de información da muller da Mancomunidade distribuirá un xornal feminista que conta a historia do 8 de marzo entre os concellos, as escolas, os servizos sociais de cada un deles e tamén outras entidades colaboradoras.

A finalidade do "Diario Igualdade" é achegar o coñecemento á rúa para poder sensibilizar á comunidade sobre a necesidade de conmemorar o 8M. Ese periódico animará a que os homes "tamén poñan o mandil no fogar e que a corresponsabilidade sexa de verdade, xa que na actualidade o 90% de excedencias de traballo por coidado a nenos e nenas ou enfermos son por parte de mulleres", di a directora do CIM Lorena Álvarez. 

Outra das actividades que dinamizarán dende o CIM será un Taller de contratación responsable que se impartirá o 12 de marzo ás 20,30 horas nas instalacións da Asociación de empresarias e empresarios de Verín, entidade que colabora de xeito moi estreito co Centro de Información ás Mulleres dende o seu comezo.

"Feminismo aínda incómodo"

"O 8 de Marzo sempre tivo tintes reivindicativos, sabemos que o feminismo aínda resulta certamente incómodo na sociedade pero ese é precisamente o motivo polo que estas convocatorias deben de realizarse.

É certo que temos avanzado na igualdade, pero queda un longo percorrido por facer, existen prioridades que nos preocupan como a loita contra a violencia de xénero, as dificultades de acceso á traballo de calidade por parte das mulleres, a penalización da maternidade ou a escasa presencia de mulleres en postos de liderado ou nas ciencias e tecnonoloxías", xustifica Lorena Álvarez, a directora. 

Te puede interesar