En marcha as actividades para o Nadal en Matamá

matamá (4)
photo_camera Decoración do pasado ano.
A asociación de mulleres rurais O Cruceiro preparan un concurso para decorar os balcóns e fachadas da aldea

A asociación de mulleres rurais O Cruceiro de Matamá xa está pensando no Nadal. Para que a aldea lazana se encha do espírito desas datas, dende a asociación lanzan varios concursos para involucrar aos veciños nas actividades.

Un dos concursos é a decoración de balcóns e xanelas con motivos de Nadal, no que se valorará o deseño e a orixinalidade. Sobre decoración, tamén deseñan unha actividade para adornar os espazos públicos de Matamá. A data límite para anotarse en ambas citas será ata o 27 de novembro. Tamén preparan un concurso de postais, con técnica libre e con prazo de inscrición ata o 4 de decembro. E como non podía faltar a gastronomía, as mulleres rurais lanzan un concurso de sobremesas que se celebrará o 24 de decembro. 

Máis alá das actividades “competitivas”, a asociación tamén prepara unha campaña de recollida de alimentos solidaria, da que darán nas próximas semanas as datas e lugares nos que se recollerán as doazóns.  E por suposto, os cativos tamén terán a súa sorpresa de Nadal coa visita de Papá Noel e unha chocolatada o 24 de decembro, entre moitas outras actividades e sorpresas que se irán dando a coñecer ao largo destes meses.

Te puede interesar