Matamá convoca o seu primeiro certame polas Letras Galegas

paseo por matamá, laza (1)
photo_camera Un paseo polo entorno de Matamá.
As narracións e os debuxos infantís poderán entregarse ata o 8 de maio e deberán versar sobre o rural

A asociación de mulleres rurais “O Cruceiro” de Matamá está a organizar o primeiro concurso polo día das Letras Galegas, co fin de conmemorar o día e impulsar a lingua galega, ademais do rural. As mulleres de Matamá, unha asociación moi activa, convocan dous certames: un narrativo e outro infantil de debuxo. 

O primeiro concurso narrativo establece catro categorías por idades, cada unha delas contará con variados premios. Os textos deben estar en letra lexible ou mecanografada por un só lado, contendo como mínimo unha cara e como máximo cinco. O tema das creacións versará sobre o mundo rural e os participantes teñen ata o día 8 de maio para entregar os seus traballos.

No que atinxe ao concurso de debuxo, as creacións deberán versas sobre o mundo rural e poderán entregarse tamén ata o día 8 de maio. Haberá tres categorías infantís e un premio por cada unha delas. “Con estas iniciativas queremos fomentar o uso e o prestixio da lingua galega, dinamizar a cultura do noso pobo e fomentar a expresión artística e a creatividade”, afirman dende “O Cruceiro”. 

Matamá organiza a súa I Andaina

Coa volta á normalidade, a asociación de mulleres rurais retoma a súa actividade e está a organizar diversos eventos. En colaboración coa asociación Brigada do Fumo de Laza, preparan a “I Andaina Matamá” para o vindeiro 15 de maio. Con dúas alternativas de nove ou 14 quilómetros, os participantes sairán da Ponte de Matamá ás 09,00 horas e desfrutaran dun día na natureza.

Para participar é necesario inscribirse antes do 11 de maio por un custo de 10 euros. A camiñada contará con avituallamentos, agasallos, seguros da actividade e unha comida ao carón do río Támega.

Te puede interesar