Medioambiente arranxará unha estrada en Vilardevós

Trátase da estrada que comunica Salto do Cabalo con Moialde e que terá un custe de 100.000 euros. 

A Consellería de Medioambiente vén de licitar a obra para a mellora da estrada que comunica Salto do Cabalo con Moialde, no concello de Vilardevós. Neste senso, o departamento autonómico investirá 100.000 euros nesta intervención que busca mellorar o equipamento urbano deste entorno que, coma outros similares e tal e como subliñaron dende Medioambiente, "ten un papel fundamental como elemento dinamizador de desenvolvemento social e cultural". Ademais, é necesario, segundo a Consellería, axudar aos Concellos a sufragar parte do importe destas intervencións, xa que, en ocasións, "non teñen a capacidade económica necesaria".

As entidades interesadas en presentarse a este contrato de obra pública terán ata o vindeiro mércores, día 7 de abril, para presentar a súa oferta e, por outro lado, o prazo de execución dos traballos prolongarase durante tres meses.

Dende a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia remarcaron a súa aposta "dende hai varios anos" por este tipo de colaboracións para apoiar aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas de humanización "orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas", matizaron.

Te puede interesar