OBRAS

Monterrei e Pereiro terán tres novas sendas peonís

Luis Menor, Marisol Díaz, José Luis Suárez e Marcos Buide.
photo_camera Luis Menor, Marisol Díaz, José Luis Suárez e Marcos Buide.
En total, a Xunta de Galicia investirá nestes proxectos 1,1 millóns de euros

Os municipios de Monterrei e de Pereiro de Aguiar estrenarán nos vindeiros meses tres novas sendas peonís e ciclistas grazas a unha achega de 1.151.000 euros por parte da Xunta de Galicia. A administración autonómica publicou onte a licitación de ambas actuacións na plataforma de contratación co obxectivo de incrementar a seguridade dos peóns e de promover unha mobilidade máis sustentable. 

A delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu onte aos rexedores dos dous municipios, José Luis Suárez e Luis Menor, para, acompañada da xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Alicia López, e de técnicos do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, presentar as características dos proxectos e dar conta da licitación. 

No caso de Albarellos de Monterrei, abordarase a construción dun itinerario peonil na estrada OU-143 ao seu paso por este núcleo rural, coincidindo o trazado desta actuación co discorrer da Vía da Prata, e cun investimento de máis de 180.000 euros.

Trátase, segundo explicou a representante da Xunta, de crear un itinerario peonil seguro, cómodo e accesible para as persoas con mobilidade reducida nas dúas marxes da estrada ao longo de 330 metros, o que suma unha lonxitude total de 660 metros. 

Doutra banda, no termo municipal de O Pereiro de Aguiar, contemplase a execución dunha senda peonil e ciclista na estrada OU-537, de 2.030 metros de lonxitude e na zona dos parques empresariais, e doutra na OU-536, de 1.030 metros de lonxitude ao seu paso pola localidade da Derrasa. 

Díaz Mouteira explicou que o prazo de execución das obras previstas, en ambos os dous proxectos, será, en total, de seis meses, e subliñou o esforzo que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a facer co obxectivo de garantir a seguridade viaria nas estradas galegas.

Te puede interesar