Un mural recolle 100 aves autóctonas da comarca de Monterrei

Gerardo Seoane, César Sánchez Pampín, Purificación Caldelas e Emilia Somoza.
photo_camera Gerardo Seoane, César Sánchez Pampín, Purificación Caldelas e Emilia Somoza.
Atópase na rúa Lisa e forma parte dun plan para potenciar a natureza da zona

 Froito da colaboración entre o Museo Claustro Mercedario de Verín e o Instituto Xesús Taboada Chivite xurdiu o proxecto "O monte vivo", unha iniciativa coa que se pretende dinamizar e valorizar o entorno natural da comarca de Monterrei. 

Unha das últimas accións ao abeiro deste proxecto consistiu na elaboración dun mural interpretativo no que están nomeadas e clasificadas un cento de aves autóctonas de Monterrei. Este mural, que xa se pode visitar na rúa Lisa da capital do Támega, foi inaugurado na mañá de onte polo rexedor local, Gerardo Seoane; o director do centro de ensino, César Sánchez Pampín; a edil de Cultura, Emilia Somoza, e a concelleira de Medioambiente, Purificación Caldelas. 

Os cativos que desenrolaron o proxecto contaron co asesoramento do experto ornitólogo xosé manuel reigada

No pasado mes de febreiro, o alumnado do IES Xesús Taboada Chivite visitou as instalacións do Museo Claustro Mercedario de Verín para coñecer, grazas á exposición "Aves de Galicia", a gran variedade de especies de paxaros que habitan na comunidade galega. Durante a visita, esta exposición foi complementada cos nomes locais das aves da comarca, unha tarefa que foi levada a cabo polos propios alumnos que contaron co asesoramento do experto ornitólogo Xosé Manuel Reigada. Como resultado desta actividade e co fin de dar a coñecer este traballo de investigación dos cativos, deseñouse un panel interpretativo a gran escala que permanecerá exposto durante os seguintes meses.

Te puede interesar