EVENTO

A Noite de Medo verinense terá un musical na Praza Maior

Ás 23,30 horas, o cruce das rúas Marbana e Muralla converterase no punto de partida da "Noite de Medo". Os asistentes poderán unirse á procesión da Santa Compaña que percorrerá as rúas do Casco Vello.

Todo listo para a segunda edición da "Noite de Medo" de Verín. A concelleira de Cultura, Emilia Somoza e o de Mocidade –ademáis de tenente de alcalde– Diego Lourenzo, presentaron a programación do evento, que se levará a cabo o vindeiro día 31 de outubro para celebrar o Samaín na capital do Val do Támega. 


Ese día, a partir das 17,30 horas, os máis pequenos participarán  nun terrorífico pasarrúas temático que sairá da Praza do Concello e percorrerá as rúas da vila realizando  paradas na Casa do Concello, no Pavillón Municipal de Deportes e na Praza da Mercé. Nestes lugares os personaxes temáticos do pasarrúas tatuarán aos nenos que se atrevan a achegarse para, finalmente, finalizar o percorrido na Praza Maior, onde se realizará unha arrepiante queimada infantil con froita e refrescos. A queimada será levad aa cabo pola bruxa Xacinta coa axuda do seu orco e de dous demos.


Ás 23,30 horas, o cruce das rúas Marbana e Muralla converterase no punto de partida da "Noite de Medo". Os asistentes poderán unirse á procesión da Santa Compaña que percorrerá as rúas do Casco Vello. Durante o traxecto, viviránse "arrepiantes sorpresas", segundo a organización. Ao remate do percorrido, xa na Praza Maior, será turno para o musical "No es serio este cementerio" interpretado polos alumnos do IES Xesús Taboada Chivite. A xornada do medo verinense rematará da man da Disco Móbil Gramola.

Te puede interesar