MONTERREI

Un novo convenio recoñece o labor de Protección Civil de Verín

O rexedor de Verín, Gerardo Seoane, e o presidente da agrupación de voluntarios, Manuel Araújo.
photo_camera O rexedor de Verín, Gerardo Seoane, e o presidente da agrupación de voluntarios, Manuel Araújo (MARTIÑO PINAL).

Foi asinado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o presidente desta agrupación, Manuel Araújo

O alcalde verinés, Gerardo Seoane, e o responsable de Protección Civil da localidade, Manuel Alfonso Araújo, asinaron este luns un novo acordo colaborativo para que a agrupación de voluntarios poida seguir prestando os seus servizos aos cidadáns no trascurso do presente 2019. Durante a firma do convenio, Araújo fixo entrega ao alcalde dunha memoria de actividades e actuacións realizadas pola agrupación durante o pasado ano 2018. Neste senso, Seoane destacou "o labor totalmente altruista e desinteresado que estes voluntarios veñen prestando, ano tras ano, en beneficio de todos os verineses". 

Grazas a este novo acordo, regularanse as bases de colaboración entre o Concello e a agrupación co financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade desta última e a cesión da utilización dun espazo para os seus integrantes. Pola súa banda, o colectivo de seguridade cidadá comprometerase a dar ou facilitar a formación necesaria aos seus membros, atender ás demandas de servizo que faga o Concello de Verín ou a Xunta de Galicia e outras entidades públicas ou privadas a través do 112.

Os estatutos actuais da agrupación foron aprobados o pasado 11 de xuño de 2014 pola asemblea de voluntarios e o pleno municipal, na sesión do 20 de xuño. Neles comprometéronse a garantir a protección das persoas e bens municipais, ante situacións de emerxencia.

Te puede interesar