Novo servizo no Concello de Verín: información municipal a través de WhatsApp

Servicio whats Concello Verín
photo_camera A través do WhatsApp a cidadanía poderá informarse da actualidade do municipio. (Foto: cedida).
Funcionará como unha canle de comunicación unidireccional

O Concello de Verín pon en marcha un novo servizo gratuíto de información a través da aplicación de WhatsApp, no que se ofrecerá toda a actualidade de servizo público e de interese para a cidadanía.

A comunicación a través da aplicación permitirá aos usuarios ter á súa disposición información en tempo real e de maneira continuada nos seus dispositivos móbiles, podendo así, estar ao tanto da información municipal máis relevante: axenda cultural, noticias, alertas de última hora, eventos, cursos e lecer, entre outros.

Así, establecerase unha canle de comunicación unidireccional a través do servizo de mensaxería, polo que dende o Concello informan de que "non se responderá a ningunha mensaxe nin se atenderán consultas personalizadas" e remarcan que "o servizo prestarase exclusivamente mediante listas de difusión e en ningún caso se farán uso dos grupos de devandita aplicación".

Para darse de alta no servizo, o usuario debe gardar o contacto 663987901, enviar unha mensaxe coa palabra "alta" e nas próximas 24 horas quedará activado o servizo.

Pola contra, se o usuario quere darse de baixa do servizo tan só ten enviar unha mensaxe coa palabra "baixa", deixando de formar parte da lista de contactos do servizo.

Normas de uso

Dende a casa consistorial recordan que os usuarios deben respectar unhas normas de uso, sobre as que o Concello se reserva o dereito para modificalas se o consideran necesario.

O grupo de goberno recorda que as mensaxes serán puntuais e unidireccionais que se farán mediante listas de difusión, e en ningún caso se responderá aos usuarios. 

Ademais, non está permitido incluír o contacto en grupos de WhatsApp nin enviar mensaxes inadecuadas ao servizo de información. Este tipo de mensaxes consideraranse como mal uso do servizo e iso suporá a suspensión do servizo a ese contacto e o seu bloqueo, se así o estima oportuno o Concello.

Te puede interesar