Oímbra aposta pola xestión compartida dos servizos

Natalia Prieto, Gabriel Alén e Ana María Villarino no salón de plenos do Concello de Oímbra onte.
photo_camera Natalia Prieto, Gabriel Alén e Ana María Villarino no salón de plenos do Concello de Oímbra onte.
A directora da Administración Local louvou o seu papel na mancomunidade

Mañá de visitas institucionais no Concello de Oímbra co obxectivo de analizar as intervencións conxuntas realizadas en infraestruturas públicas e abordar posibles novas melloras xurdidas grazas á colaboración administrativa. 

A primeira hora da mañá, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse coa rexedora local, Ana María Villarino. Na xuntanza, ambos representantes institucionais fixeron un "repaso" daqueles proxectos e necesidades para o pobo de Oímbra que precisarían da colaboración da Administración autonómica. A visita de Alén ao Concello da comarca de Monterrei enmarcouse dentro da rolda de xuntanzas que o representante galego está mantendo con diversos alcaldes, asociacións e colectivos dende que asumiu a delegación ourensá. 

Por outra banda, a directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto, tamén se achegou ata Oímbra no día de onte. Alí comprobou as actuacións realizadas no colexio público de Oímbra para instalar unha cuberta no parque infantil do centro educativo. A actuación, froito da cooperación entre Xunta e Concello -a primeira sufragou o 70 por cento do coste total e, o segundo, o 30 por cento restante- enmárcase na Orde de infraestruturas de uso público que este ano incrementou o seu orzamento nun millón de euros ata acadar os catro millóns. Ademais, esta última convocatoria contou cunha nova liña para o financiamento da construción de parques infantís cubertos ou a cubrición de parques xa construídos. 

Na súa visita a Oímbra, Natalia Prieto destacou a contribución deste Concello á xestión compartida de servizos. Concretamente, resaltou o traballo de Oímbra no marco da Mancomunidade de municipios da comarca de Monterrei, á que pertence, que ten recibido apoio da Xunta para a dotación de mobiliario para a sede do organismo e tamén axudas da Xunta ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para o punto limpo mancomunado.

Te puede interesar