MEDIO AMBIENTE

Primeira solta deste ano na loita contra a avespiña

180521_Vazquez_Oimbra I
photo_camera A conselleira Ánxeles Vázquez, no centro, conversa coa alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino.

Medio Rural oficializa en Oímbra o inicio da campaña do insecto Torymus

A consellería de Medio Rural comezou onte, coa visita da súa titular ó concello de Oímbra, unha nova quenda de solta do insecto que mellor resultado está proporcionando para combatir a avespiña do castiñeiro. Ánxeles Vázquez, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e a alcaldesa de Oímbra como anfitriona, participaron na solta dos primeiros exemplares da tempada na localidade de Bousés, no concello ourensán que preside Ana María Villarino.

Segundo anunciou a titular do departamento autonómico, neste 2018 a loita biolóxica contra a praga será notablemente máis intensa que en exercicios anteriores. As previsións da consellería cifran nuns 790.000 os individuos de Torymus sinensis que se soltarán en varios puntos da xeografía autonómica, fronte ós 133.000 que se soltaron no 2017 ou os pouco máis de 65.000 dun ano antes. Os primeiros casos positivos da doenza que afecta ós soutos galegos rexistráronse no 2014. 

Ademais, Vázquez asegurou que o seu departamento realiza seguimentos semanais en máis de 9.000 puntos previstos e autorizados de solta, para que a liberación do parasitoide teña lugar no momento máis axeitado procurando as maiores posibilidades de éxito na loita contra a avespiña. A Xunta adicará neste 2018 4,2 millóns de euros ao plan integral de sanidade forestal, un orzamento que case duplica o de 2017.


Pregunta no Parlamento


Coincidindo ca visita da conselleira a Oímbra, o deputado ourensán no Parlamento, Davide Rodríguez, rexistrou no día de onte varias preguntas para seren respostadas, entre elas, o grao de avance da praga; que concellos de Galicia se están vendo afectados; cales son os resultados da solta masiva, e se dende a Consellería de Medio Rural se ten pensado informar debidamente concello por concello da afectación da avespiña.

Te puede interesar