La Región

MONTERREI

Oímbra mellorará o abastecemento na Granxa con 50.000 euros

A empresa Vipeca, Obras y Servicios S.L. será a encargada da realización destes traballos

Oímbra mellorará o abastecemento na Granxa con 50.000 euros

Unha partida de 50.000 euros procedente da Consellería de Infraestruturas permitirá mellorar o abastecemento no núcleo da Granxa, en Oímbra. Os obxectivos principais serán incrementar o caudal de auga potable e resolver as restriccións nas épocas estivais, periodo no que se duplica a poboación. Para esta finalidade, Augas de Galicia executará unha nova captación de auga e a colocación dunha bomba para solventar o desnivel existente de 45 metros ata o depósito actual. Na mesma liña, tamén se colocará unha nova tubaxe de distribución dende o depósito ata a entrada do núcleo da Granxa, onde se conectará coa rede de distribución actual. As obras completaranse coa reposición do firme naqueles lugares nos que sexa preciso pola instalación das tubaxes. 

A empresa Vipeca, Obras y Servicios S.L. será a encargada da realización destes traballos, que terán un prazo de execución de dous meses dende o inicio dos mesmos. A actuación vén de ser adxudicada nos últimos días.

Esta intervención en Oímbra enmárcase, segundo explicaron dende a propia Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, na cooperación da entidade galega cos concellos da autonomía para que a cidadanía dispoña de servizos adecuados, especialmente, á hora de garantir a calidade de vida de todas aquelas persoas que habitan en núcleos do eido rural.