Oímbra súmase ao Pacto de Alcaldes polo clima e a enerxía

O Concello de Oímbra acordou no seu derradeiro pleno a súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, feito que levará a esta administración local a asumir os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía de cara ao vindeiro ano 2030. Ademais, logo desta incorporación, Oímbra contribuirá, pola súa banda, a acadar a Axenda 2030, unha folla de ruta que inclúe 17 obxectivos para o desenvolvemento sustentable. 

Por outra banda, a adhesión ao Pacto dos Alcaldes implica tamén a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático consistentes na reducción de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo a pegada do carbono no municipio. As medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de augas residuais e residuos sólidos urbanos. 

Por último, o Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando ao Concello de Oímbra para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O Concello de Oímbra terá dous anos para aprobar este Plan de Acción e, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para 2030.

Te puede interesar