Pato nas tres vertentes

Acreditación como corresponsal del diario La Región.
photo_camera Acreditación como corresponsal del diario La Región.

Enrique Gómez Pato sempre tivo alma de nómade, aínda que non emigrase. Se non fose xoieiro, de seguro que sería afiador, como demostra un verso dunha copla dos maios, onde xorde  a palabra “baril” (a excelencia), sacada do barallete, que é a alma e o medio de comunicación do afiador.

Ourensán de crianza, pero cabaleiro de Verín.

Constituiu con Alvarado unha tácita fronte común, a través das súas crónicas, case diarias, para que a sociedade en xeral fose máis educada, máis limpa e máis sostible, ainda que non sei moi ben o que significa esta última palabra.

Enrique era un trobador, o trobador do pobo, e manifestábase escribindo e cantando as súas obras populares cada maio polas rúas e polas prazas de Verín. 

Por primeira vez na súa longa traxectoria oínlle dicir nunha copla, se mal non recordo do ano 1965, que se recoñecía poeta. Dicía, nós os poetas.

As súas coplas dos  maios tiñan as características das capelas imperfectas do mosteiro de  Batalha de alá, de Portugal, cerca de Fátima, pois  ás veces eran dolorosas as rimas e cadraban a duras penas. Pero eran temidas e esperadas con ansia, a pesares das estrofas de pé quebrado.

Tiña o mesmo concepto que teño eu da poesía. Un poema é unha desintegración do átomo,  un estoupido de beleza e de palabras, mentiras e metáforas. E a aparición da palabra e o concepto do ritmo, que non da rima. Pero cumpría o seu obxectivo:  divertir e fustigar.

Pato espreitaba a todas as horas. Se non espreitas á xente, senón falas coa xente, senón oes á xente, dificilmente poderás enteirarte dos seus problemas e dos problemas da sociedade.   Os maios non eran outra cousa que a comedia da vida. 

As obras teatrais de Enrique Gómez Pato, tanto Estreliña como Os dous irmáns, demostran a concepción bíblica que levaba con el. El era o anxo que botou os nosos pais do paraíso por pecar nos seus actos cotiáns. E aí temos, por exemplo, o Caín e o Abel, o malo e o bo, da segunda obra.  

Apostaba para que os seus personaxes, que formaban parte da obra universal chamada Verín, tanto eles como elas, foran naturais, non sofisticados, que foran humildes e sinxelos. Non entendía como a xente podía aparentar o que non se é. Isto está presente en  Estreliña e mais en tódalas coplas dos maios que pariu. 

Na obra Os dous irmáns chámame a atención a forma de artellar a vida coa educación en xeral que se lle da ós nosos coetáneos. Non ós favoritismos, e non ós consentimentos, pero si á forma de axudar para que busquen saídas dacordo co que a sociedade demande pero, sobre todo,  coas normas éticas e morais.

Te puede interesar