Política

Piden a dimisión do alcalde de Laza por un despido “político”

O PSOE matiza que se trata da "non renovación" dun empregado que se contratou "pola tónica dos enchufes"

O Partido Popular de Ourense, a través do seu secretario xeral, Rosendo Fernández, ven de esixir a dimisión do actual alcalde de Laza, o socialista Jesús Blanco, despois de que unha sentenza do xulgado do Social número 4 de Ourense cualificase, segundo os populares, como "discriminación por ideas políticas" o despido dun traballador do Concello de Laza e ex edil do Partido Popular, César González González, ao que lle foi comunicada a extinción do seu contrato 13 días despois da chegada á alcaldía de Blanco. 

A mencionada situación foi censurada con contudencia polo secretario xeral do PP, para quen o máis grave é o feito de que o alcalde do PSOE –que goberna en coalición con En Marea Xuntos por Laza- fora director do Instituto Nacional da Seguridade Social en Ourense polo que "se supón debería valorar os dereitos dos traballadores".

O fallo do xulgado matiza, textualmente, "que existe vulneración de los artículos 14 y 16 de la Constitución, discriminación por ideas políticas, pues ha sido suficientemente acreditado que el actor era simpatizante de la fuerza política contraria a la que gobierna en el Concello y que el despido se produjo precisamente con el cambio de gobierno". O traballador terá que ser readmitido. 

Dende o PSOE defenderon a postura do alcalde e falaron do "fin dun contrato temporal, que o Partido Popular quere vender como despido por motivos políticos", cando se tratou dunha non renovación. O PSOE di que "o que realmente é político foi a súa contratación, seguindo a tónica habitual dos enchufes".

Te puede interesar