MONTERREI

O PP dí que o goberno de Verín anima a autónomos a demandar ao Concello

Lourenzo négao e afirma que esa acusación mostra "a calidade da oposición"

No pleno do Concello de Verín celebrado o pasado luns, o portavoz do grupo popular, Jiménez Morán preguntou ao grupo de goberno arredor duns supostos "rumores" segundo os cales se lle está indicando aos traballadores autónomos que prestan servizo á institución municipal, que denuncien a súa relación laboral ante o xulgado para, desa forma, "acadar praza fixa nesta institución". Así mesmo lembroulle ao presidente da sesión plenaria, o teniente de alcalde, Diego Lourenzo, que a lei de emprego público de Galicia non permite esa práctica, polo que estaría "incurrindo en responsabilidade", segundo Jiménez.

Segundo o portavoz 'popular', o anterior goberno municipal non botaba man con tanta frecuencia dos autónomos, senón que dispuña de máis persoal contratado. Coa situación actual, os traballadores por conta propia que prestan servizo ao consistorio se demandan ao Concello e os tribunais lles recoñecen a súa condición de traballadores habituais do ente municipal, acadarían esa categoría sen ter que pasar por un concurso público.

Ante estas acusacións, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, negou rotundamente as acusacións "infundadas" e comentou que "a afirmación do señor Jiménez deixa claro, a todas luces, cal é a calidade da oposición que ten o grupo de goberno do Concello de Verín". Jiménez quixo que a cuestión constase na acta do pleno por "se nun futuro se descobre que é verdade".

Te puede interesar