8-M

Verín prepara a marcha previa ao Día da Muller

WhatsApp Image 2020-02-27 at 13.10.22
Será este domingo, 1 de marzo, e coincidirá coa celebración da Piñata

Verín acollerá este domingo, día 1, a manifestación previa á conmemoración do Día Internacional da Muller, que será o oito de marzo. Baixo o lema "Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado" a rede Galegas 8M convocou dita movilización nacional en Verín logo de todas as manifestacións e movilizacións cidadás que fixeron posible que o paridoiro do seu hospital comarcal puidese reabrir as súas portas. 

A marcha partirá da avenida de Portugal número 116 de Verín ás 12,00 horas e finalizará na praza Maior da vila. Neste punto procederase á lectura dun manifesto á que lle seguirán actuacións musicais, un xantar popular e "foliada". 

Dito manifesto foi elaborado conxuntamente entre todas as mulleres que forman parte do colectivo Galegas 8M e a lectura correrá a cargo da xornalista Cristina Huete, así como de Susana Bueriberi, unha profesional dos coidados que participou activamente na defensa do Servizo de Maternidade Hospitalaria de Verín. Tamén participará a activista Daniela Fernández e a enfermeira Rosana Méndez. 

O obxectivo deste encontro é converter Verín, segundo apuntaron dende o colectivo, "na capital do feminismo galego", como así o foron previamente as cidades de Vigo -en 2018- e Lugo -durante o 2019-. 

Dende Galegas 8M, plataforma conformada por máis de 50 colectivos e entidades distintas, destacaron "o compromiso e a loita de colectivos feministas, persoal sanitario, asociacións de mulleres, organizacións sindicais e a morea de veciñas que participaron das mobilizacións e peches" para evitar a clausura do paridoiro de Verín. A través desta convocatoria, engadiron, "solidarizámonos coa loita que desempeñan as compañeiras de Verín fronte á privatización e precarización dos servizos públicos de saúde". Recordaron, ademáis, que durante os meses que estivo pechado o paridoiro moitas mulleres tiveron que desprazarse ao Hospital de Ourense "por mor dunha decisión patriarcal baseada en criterios políticos e económicos".

A presentación da concentración tuvo lugar este xoves na Casa da Cultura de Verín e nela participaron integrantes da Marcha mundial das mulleres e de Comisións Obreiras, integradas en Galegas 8M.


Dispositivo especial de seguridade


A mobilización coincidirá en tempo e forma coa celebración do domingo de Piñata, polo que dende o Concello de Verín, a edil responsable de Tráfico e Seguridade Cidadá adiantou que se está a traballar nun protocolo especial de seguridade que velará para que a marcha se produza sen ningún incidente. Neste senso, Cándida Couñago matizou que o operativo estará composto de sete axentes da Policía Local de Verín e tamén de varios voluntarios de Protección Civil. Ademais adiantou que estará presente a Garda Civil. Debido a que se agarda a chegada de autobuses de toda Galicia, habilitouse a zona da rúa Río Támega -nas inmediacións das piscinas municipais- para o aparcamento de ditos vehículos. A marcha partirá  da avenida de Portugal , transcorrerá por Luis Espada ata chegar ata a praza Maior de Verín. 

Te puede interesar