Cultura

Preto de medio millar de persoas visitou a mostra das máscaras

Mercedes Vázquez Saavedra e Emilia Somoza.
photo_camera Mercedes Vázquez Saavedra e Emilia Somoza.

As 132 imaxes que compoñen "Viaxe polo mundo da máscara" de Mercedes Vázquez Saavedra foron visitadas por preto de medio millar de persoas nas derradeiras semanas e estarán dispoñibles ata o vindeiro 21 de marzo, día en que a mostra, ubicada na sala de exposicións de Verín, pechará as súas portas. 

Vázquez Saavedra xa amosou a súa obra en parte da provincia de Ourense, pois leva máis de 30 anos retratando as mascaradas peninsulares máis populares. Dende o Concello de Verín animan especialmente á súa cidadanía a que se achegue a coñecer dita mostra, pois nela poden comparar o cigarrón coas diversas máscaras de Ourense que teñen unha estética parecida ou semellante. É o caso dos felos, zarramanculleiros, chocalleiros e peliqueiros. 

Tamén pode servir para coñecer a diversidade de máscaras que hai na veciña Zamora, unha provincia moi próxima á vila do Támega . Carochos, cencerrones, zangarrones, birrias ou "el atenazador" forman parte da vintena de imaxes de máscaras zamoranas. 

Na escolma das máscaras galegas pódense atopar 47 exemplos desta riqueza patrimonial entre os que non faltan mormentelos, volantes, agucios, follateiros, vexigueiros ou zampornigas.Con 34 imaxes, "Viaxe polo mundo da máscara ibérica" tamén divulga o universo peculiar das máscaras portuguesas, o norte é especialmente rico nestas manifestacións de cultura popular. Do mesmo xeito, hai exemplos de mascaradas doutras comunidades españolas.

Te puede interesar