A primeira feira de música entre Galicia e Portugal será en marzo

O encontro desenvolverase entre os días 12 e 14 do mes de marzo.

A vila de Verín será o escenario da primeira feira de música profesional entre Galicia e Portugal e que levará o nome de MUMI. Nela daranse cita artistas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas ou empresas de servizos e produción para establecer novas redes de contacto e coñecer propostas diferentes en primeira persoa. A súa programación profesional incluirá actividades de formación sobre cuestións técnicas, xurídicas e de promoción, "speedmeetings", "showcases " -pequenos concertos- cunha selección de artistas e bandas de Galicia e de Portugal, e unha feira sectorial.

O primeiro Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, que foi presentado onte na Casa da Cultura de Verín, desenvolverase entre os días 12 e 14 do mes de marzo. 

Á presentación acudiron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, Jacobo Sutil; Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Ana Villarino, deputada de Turismo da Deputación de Ourense, e os dous representantes da organización do MUMI: Manuel Vicente "Roxo", de Culturactiva SCG -pola banda galega- e José Costa, de Banzé -pola portuguesa-.


“O teu xacobeo"


O director de Agadic, Jacobo Sutil, explicou que a feira galaico-portuguesa foi unha das 352 iniciativas seleccionadas na primeira convocatoria de O teu Xacobeo, programa que se está levando a cabo nun centenar de concellos galegos en diferentes áreas culturais. Sutil aproveitou para destacar "a importante resposta" do sector a este programa que, debido á gran afluencia de solicitudes, ampliou o seu investimento inicial de 2 millóns a 4,7 millóns de euros durante o pasado ano 2019. A esta cifra inicial, sumaranse outros 3,3 millóns da súa segunda convocatoria, que acaba de pecharse cun milleiro de propostas recibidas, segundo os responsables. 

"O MUMI encaixa perfectamente co triplo carácter de evento participativo, descentralizado e sustentable dos que a vindeira celebración do Xacobeo 2021 se quere nutrir", manifestou o responsable de Agadic, quen tamén asegurou que a feira que se celebrará no mes de marzo reúne moitos elementos "para ser un éxito non só nesta primeira edición, senón tamén para se converter nun evento necesario e continuo no tempo, tanto polo xeito no que está deseñado e polos apoios institucionais e sectoriais que está a concitar, como pola experiencia e valía do equipo que está na organización".


Aberto o prazo para as bandas


A organización anunciou hoxe que xa está aberto o prazo de presentación de propostas artísticas para participar no MUMI Verín’20, e que poden achegarse ata o 11 de febreiro a través da web mumimusicas.eu. Poderán facelo todas as bandas ou artistas de Galiza e Portugal que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. O representante da organización do MUMI, Manuel Vicente Roxo, apuntou que "as propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, senón tamén de viabilidade dentro dos propósitos e características da feira". A selección definitiva comunicarase o vindeiro 24 de febreiro.

Te puede interesar