INVESTIMENTO

O proxecto da Eurocidade Chaves-Verín recibirá 1,7 millóns

Galicia e norte de Portugal investirán 7,8 millóns en 4 proxectos para maiores e mozos con fondos europeos

Galicia e norte de Portugal mobilizarán uns 7,8 millóns de euros en catro novos proxectos con captación de fondos europeos (que sufragarán un 75% do investimento) que se dirixen a favorecer un envellecemento activo, mellor atención aos maiores en zonas rurais e a oferta de máis oportunidades de emprego para os mozos.

Destacouno nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento o conselleiro de Política Social, José Manuel  Rey Varela, quen informou das iniciativas aprobadas na primeira convocatoria do programa `Interreg V-A España-Portugal` (Poctep).

En concreto, un proxecto que persegue mellorar os hábitos alimenticios entre os maiores galegos e portugueses leva 3,5 millóns, 1,1 millóns dedicaranse a unha rede de apoio á poboación de máis de 65 anos no rural, 1,4 millóns queren favorecer máis posibilidades de emprego entre mozos e 1,7 millóns irán á Eurociudade Verín-Chaves.

Os grupos da oposición, nas súas respectivas quendas de palabra, criticaron a comparecencia do conselleiro. Así, a portavoz de En Marea no debate, Paula Vázquez Verao, falou de "migallas", a socialista Noela Blanco rebaixou a 1,7 millóns o que "xestionará directamente" a Xunta e a nacionalista Montse Prado advertiu que "catro programas" non solucionan os problemas da demografía galega.

E é que  Rey Varela enmarcou no reto demográfico o desenvolvemento deste catro programas cofinanciados pola Unión Europea, nos que viu unha "oportunidade de avanzar como país" nos obxectivos de "seguir mellorando na calidade de vida dos maiores" e "ofrecer ás mozas novas oportunidades".
 

OS CATRO PROGRAMAS

Na súa exposición, o titular de Política Social explicou unha por unha as iniciativas. Sobre a primeira delas, no ámbito da nutrición para maiores, dixo que se desenvolverá mediante unha rede que englobará a asociacións, empresas e investigadores, entre outros axentes.

A execución exponse en tres fases, unha primeira de estudo, que incluirá a avaliación residentes en centros de día e usuarios do programa `Xantar na casa`.

Tras un "intenso diagnóstico", a previsión é pasar ao deseño de estratexias de intervención, que contemplan o desenvolvemento de novos produtos alimenticios e suplementos, así como unha estratexia de intervención nutricional que se abordará con maiores. Xa unha terceira etapa será a de implantación da estratexia.

En canto ao segundo programa, para crear unha rede de apoio aos maiores especialmente no rural, unha das actuacións previstas é a posta en marcha "a modo de pilotaxe" dunha unidade móbil de servizos sociais, cun equipo profesional que se instalará en 20 localidades galegas cunha estancia de cinco días en cada unha delas.

Tamén está planificada a entrada en funcionamento de servizos móbiles de alzheimer e outras demencias integrados por profesionais que prestarán servizos de estimulación terapéutica. Será en 10 localidades con estancias igualmente de cinco días e unha duración proposta de tres meses.

Outra idea pretende a xeración de "contornas máis amigables", para favorecer niveis "óptimos" de autonomía nos fogares. Neste ámbito, o conselleiro sinalou á asistencia xurídica e sanitaria, para a resolución de dúbidas en "cuestións básicas do día a día" como as facturas, a auga, a luz, as receitas médicas e os servizos bancarios.

Por último, mencionou unha intervención que busca "avances" no denominado `fogar dixital`, cun dispositivo de "monitoreo" cunha mostra de 50 maiores. A vontade é seleccionar as aplicacións e os servizos tecnolóxicos "que mellor encaixen", segundo resaltou Rey Varela.

A terceira iniciativa é a que pretende incrementar as oportunidades de emprego entre a xente nova de Galicia e norte de Portugal. Rey Varela indicou que nunha das línas de actuación participarán 500 mozos "que non estean no mercado de traballo" e chamou a atención sobre que se promoverán "actividades personalizadas".

A finalidade tamén é o fomento de iniciativas empresariais e a súa consolidación, así como a dinamización dos `espazos xove` de varios municipios, entre eles os de Curtis, Noia, Pontedeume, Vilalba, Verín, Vilagarcía e Ourense.

Por último, o cuarto programa é o que aspira a "consolidar" a cooperación transfronteiriza na Eurociudade Verín-Chaves, para "dar continuidade a este proxecto".


AS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Na súa quenda, a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao apuntou que ao seu grupo parécenlle "ben" estes programas, pero cualificounos de "proxectos illados" e asegurou que con eles é "imposible" acabar co desequilibrio socioeconómico de Galicia e norte de Portugal.

Así, en canto ao envellecemento, avisou de que as iniciativas "obvian o principal problema": "o que é necesario son pensións dignas", aseverou, antes de engadir que "o que hai que garantir é que nos centros de atención haxa unha xestión pública da alimentación".

Vázquez Verao criticou que o responsable autonómico utilizase o "mantra" do emprendemento como vía para resolver o desemprego xuvenil e subliñou que o que urxe é "un proxecto de desenvolvemento" que permita aos mozos "vivir" en Galicia.

Pola súa banda, a socialista Noela Blanco tachou de "inútil, innecesaria e falta de ambición" a comparecencia de Rey Varela, e reprochoulle non acudir á Cámara para dar explicacións sobre a situación da renda de integración social (Risga), cuxa partida foi ampliada recentemente polo Goberno en dúas ocasións.

Blanco censurou que o conselleiro dese conta "dunha serie de microproxectos que supoñen o 0,2% do orzamento global da súa consellería", e advertiu ao titular de Política Social que "non pode colgarse ningunha medalla" por esta captación de fondos.

Así, confrontou o que obtén Galicia co que recibirá a Xunta de Estremadura desta convocatoria, que, segundo as súas cifras, serán 3 millóns máis.

Mentres, en representación do Bloque, Montse Prado -que foi a primeira en intervir- recriminou tamén que  Rey Varela non compareza pola Risga e lamentou que repita "o mantra do emprendemento".

Así, dixo que estes proxectos poden servir para ter "entretidos" aos galegos e "vender que se conseguen fondos europeos".

Con todo, denunciou que son os Gobernos europeo, español e galego "os responsables" de recortes que afectaron as condicións de vida da sociedade.


A POSTURA DO PP

Pola súa banda, a popular Marta Rodríguez Arias lamentou que "parece ser que á oposición non lle parece importante" a consecución deste catro proxectos.

Igualmente, o dirixente autonómico mostrouse "sorprendido" por que "no canto de falar de proxectos estratéxicos para o país estea a facerse unha comparecencia xeral da consellería".

Con todo, respondeu á oposición con datos sobre o aumento de prazas públicas de residencias de día e escolas infantís desde 2009 ata a actualidade, entre outras cuestións.
 

Te puede interesar