Realidade e ficción conviven nas xornadas de Novela Negra de Verín

photo_camera Esta edición está adicada a voluntaria Lolita Castro, que faleceu o ano pasado. (Vídeo: C.C.).
Escritores, policías e forenses mesturan literatura e o mundo do crime nesta quinta edición en Verín

O alumnado de Secundaria dos centros educativos da vila do Támega foron os primeiros espectadores do inicio este venres das V Xornadas de Novela Negra de Verín. Organizadas pola Biblioteca Municipal, tratan sempre de divulgar a literatura -neste caso a novela negra- entre o público máis mozo da vila. O Auditorio encheuse para escoitar a escritora Sara Vila falar do proceso de creación dunha novela, neste caso a súa: “Oito días sen Eva Cortes”.

“Eu comecei a escribir a novela nun momento complicado: na pandemia. Complicado a nivel social e a nivel laboral porque no xornal que traballaba estabamos traballando unha semana si e outra non. Foi cando escribín a novela e estrutureina a partir da noticia diaria sobre a desaparición da que se fala”, explica Vila, quen admite que “non me resultou complexo ese proceso porque non facía outra cousa que contar a rutina dunha xornalista, que era a realidade que vivía eu todos os días”. “Iso si, a xornalista da novela non son eu”, remarcaba entre risos a autora galega ante o público mozo.

A cita continuou pola tarde entre a realidade e a ficción. O sarxento da Garda Civil José Luis Ferreiro, os forenses Berta Rodríguez e Fernando Serrulla, o xuíz Vázquez Taín, o escritor Pedro Feijoo, o excomisario Enrique León e o etnógrafo Miguel Losada puxeron sobre a mesa cuestións relacionadas co mundo dos crimes dende a realidade a que se enfrontan os profesionais diariamente como a parte máis ficticia que debuxan nos libros os escritores. 

Nesta quinta edición, baixo o título “Back in black”, tamén tiveron un papel importante os voluntarios da Biblioteca. Ana García e Sofía Lorenzo presentaron as xornadas e Noelia Gallego, Lorena Carnero e Inés García interactuaron cos poñentes. 

As xornadas de Novela Negra continúa este sábado, a partir das 18,00 horas coa participación de Sara Vila, Mikel Santiago, Xoán Tallón e a culminación da cita cunha mesa redonda cos participantes desta cita de intriga, suspense e misterio.

Te puede interesar