A Reitoral da Chaira, en Riós, acollerá este ano novos talleres

clases de pandereta na reitoral da chaira, riós
photo_camera Clases de pandeireta na Reitoral da Chaira.
Este centro apoia o desenvolvemento do rural e a vida activa nas pequenas aldeas do interior ourensá con actividades culturais e talleres para mozos e maiores

A Reitoral da Chaira, no concello de Riós, inicia o ano 2023 con novas actividades e formacións. Neste mes dará comezo un novo curso, impulsado a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, sobre operacións básicas de restauración e bar. 

Esta formación, que ten prazas limitadas e é de carácter gratuíto, está destinada a desempregados. Ao remate do curso outorgaráselle o certificado de profesionalidade aos participantes. Para inscribirse é preciso chamar ao teléfono 653 221 335.

Para continuar coas formacións que se imparten neste centro cultural, a Reitoral acollerá clases de solfexo durante 2023. “Aprender solfexo permítenos ler partituras, desperta o interese polo coñecemento de outras materias e ofrece benestar, así como valores e habilidades cognitivas, motoras e organizativas”, explican dende o centro para animar aos veciños a que se sumen a esta iniciativa. Ademais, tamén se organizarán ao longo do ano aulas de baile, de cestería, de música e de artes creativas.

Este espazo de Riós organiza ao longo do ano variadas actividades, participa en formacións sobre igualdade e cede o espazo para eventos culturais co fin de promover a vida social nas pequenas aldeas do rural e ofrecer á veciñanza unha oferta lúdica e de aprendizaxe en temas relacionados coa cultura galega. 

Te puede interesar