entrevista

"A relación de Chaves con Verín é ancestral; é unha gran cidade con dous barrios"

Francisco Melo na sede da Eurocidade en Feces de Abaixo.
photo_camera Francisco Melo na sede da Eurocidade en Feces de Abaixo.
Francisco Melo, vicepresidente da Cámara Municipal de Chaves fixo balance da agrupación lusogalaica do sur ourensán. 

O organismo de entidade transfronteiriza, a sede da Eurocidade Chaves-Verín, atravesa un momento clave para o seu futuro. A finais deste mesmo ano cumprirá unha década de vida e nada mellor para celebralo que a posta en funcionamento dun servizo urbano de transporte que unirá os dous municipios de xeito ocasional, esto é, cando se celebren eventos importantes a un lado ou ao outro da raia. A finais do pasado mes de xullo, ademais, a Eurocidade publicou unha radiografía actual do seu estado: pasado e futuro dunha entidade que une a máis de 60.000 persoas. Francisco Melo, vicepresidente da Cámara Municipal de Chaves e un dos poñentes naquel acto, tamén fixo balance da agrupación lusogalaica do sur ourensán. 

Que beneficios lles está a aportar aos veciños de Chaves formar parte da Eurocidade?

Hai varias áreas de beneficios; inmateriais, materiais e culturais. Sempre existiu, entre ambos municipios, unha relación de amizade e de interacción que se materializou dende a Festa dos Santos en Chaves ou na dos Ramos, en Verín. Naqueles eventos permitíase que a poboación de Verín e de Chaves pasasen a un ou ao outro lado sen ter alfándega -aduana-. Esto é histórico e antigo e vén dende que Portugal era unha monarquía. A relación entre Chaves e Verín é ancestral, é un entorno no que a fronteira para as persoas non existe. A Eurocidade, en termos inmateriais, corporiza esta relación e a súa historia antiga, e supón un beneficio enorme para as boas relacións e a concordia entre España e Portugal. En termos materiais ten sido posible concretar varias accións para os cidadáns no uso, con descontos, de infraestruturas deportivas e culturais. Nós vemos Chaves e Verín como unha grande cidade con dous barrios. É algo extraordinario porque alarga os mercados. A nivel institucional podemos acceder a financiamentos para promovernos fóra do territorio e dar a coñecer as termas, as augas e o turismo en xeral. 

A Eurocidade está explorando a posibilidade de adherir á agrupación aos municipios do Alto Támega e da comarca de Verín, como o están a facer dende Portugal?

O municipio de Chaves congrega á Comunidade Intermunicipal do Alto Támega. Os seis municipios que fan fronteira coa cidade xa se están a beneficiar do feito de que Chaves pertenza á Eurocidade. A promoción turística da mesma acaba estendéndose ao resto de lugares limítrofes, por exemplo, ás sextas feiras 13 en Montalegre ou á Feira do Liño en Ribeira de Pena. Non acontece, aínda, de xeito institucional, pero si de forma real.  Para facelo hai que atopar un modelo de xestión da Eurocidade que permita respetar cada municipio.

Hai cidadáns de Chaves que non saben que poden solicitar o cartón de Eurocidadán...

Cando facemos políticas públicas procuramos chegar ao maior número de persoas posible. Nós temos unha forte divulgación do cartón, e en Chaves é posible adquirilo na Biblioteca Municipal, que está, exactamente, na praza principal do Concello. Non é que sexa nun lugar polo que ninguén pasa. 

Cales son os obxectivos máis inmediatos que queren acadar dende a Eurocidade?

Queremos seguir traballando na dinamización do turismo, pero tamén noutras áreas como a ambiental, que é moi importante. Falo das alteracións climáticas ou da calidade da auga. Neste senso, sabemos que aquí en Verín hai un problema co tratamento dos afluentes urbanos e eso preocúpanos porque a auga é a marca da Eurocidade. Temos que actuar de xeito conxunto neste apartado. Tamén é importante lanzar a Eurocidade para a captación de investimento e consolidación de unidades industriais co obxectivo de captar poboación creando emprego. A idea sería interconectar os parques empresariais. Outra área importante na que avanzar é a da protección civil para combater os incendios forestais. Esto é un problema ecolóxico grave que conleva a destrucción de solo e perda de masa forestal, que é unha grande riqueza. 

Chaves tamén padece a perda de poboación que se vive no sur de Ourense?

Si. Nós temos perda demográfica. Aínda que Chaves non ten tanta, os concellos limítrofes si. 

Que papel podería xogar a Eurocidade neste caso?

Poderíamos crear un Porto Seco e unha alfándega -aduana- na fronteira entre os dous países para mellorar a circulación dos produtos de Portugal e España de cara a fora. Galicia ten un forte potencial exportador e poderíamos crear boas condicións nese senso.

Te puede interesar