MONTERREI

Resaca de Comadres en Verín

O popular día no que as mulleres foron as protagonistas deu paso á festa na rúa Irmáns Moreno, onde non faltou a gastronomía

Verín vive as horas fortes do seu Entroido. Logo da mañá adicada o xoves aos cativos, co seu particular desfile, as comadres fixéronse as donas e señoras do Val do Támega. Durante a noite das fémias, cos restaurantes e bares ata a bandeira, a vila mergullouse nun dos días grandes no que non faltou a música, nin a presenza de Don Carnal e da Raíña do Carnaval.

A festa retomouse onte pola mañá coa música da Charanga Támega, que percorreu as rúas de Verín. Pola tarde, a celebración comezou  ás 19,00 horas no barrio de San Lázaro, dende onde sairon dous carros cara á rúa Irmáns Moreno. Alí os máis entroideiros degustaron viño e o tradicional porco ao espeto. Festicultores Troupe e Discomóbil Space puxeron a nota musical. A medianoite, e sen tempo para o descanso, a festa continuou na Praza maior a cargo do Grupo Claxxon.

Hoxe, sábado de Entroido, continuará a festa en Verín, aínda que o momento máis importante do día será o tradicional Bautizo do Cigarrón, que terá lugar ás 17,00 horas na praza da Mercé. Antes, pola mañá, as charangas Vakapinta e Támega percorrerán as rúas da vila. Miramar e De Moda pecharán a xornada na praza Maior.

Te puede interesar