A restauración do Camiño Real acabará antes de verán

photo_camera Visita a Monterrei. (Vídeo: C.C.).

Esta actuación no Castelo de Monterrei ten como obxectivo a conservación do seu patrimonio

As obras de conservación e posta en valor do Camiño Real que dá acceso ao Castelo de Monterrei rematarán esta primavera. Así o confirmou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, nunha visita ao lugar, acompañado de Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense; José Luis Suárez, alcalde de Monterrei, e outros alcaldes e autoridades da comarca. 

Os presentes percorreron o Camiño Real atendendo á explicación de Ana Carrajo, coordinadora de seguridade e saúde do proxecto, quen anotou que a dirección da obra foi “moi continuada, atendendo a detalles moi específicos en cada zona”. Esta restauración, impulsada pola Xunta de Galicia con case 700.000 euros, permitirá “incrementar e reforzar o interese patrimonial deste espazo medieval”, asegurou Román Rodríguez. O obxectivo do proxecto é recuperar a calzada ao tempo que se melloran as condicións de accesibilidade ás edificacións do interior da muralla e se incorporan redes de canalización e saneamento. 

En palabras do titular de Cultura, “a intervención deste proxecto vai máis alá dunha mera restauración física e material do acceso á fortaleza”, ao incorporar actuacións de urbanización tan relevantes como son a canalización das redes de electricidade, abastecemento de auga, comunicacións ou saneamento, así como a precanalización para unha rede de gas futura. 

Máis alá dunha obra, “os traballos forman parte do noso compromiso co coidado e divulgación do patrimonio cultural da nosa Comunidade”, engadiu Rodríguez sobre esta actuación, co propósito de buscar o equilibrio “entre a preservación e a funcionalidade para que recursos como este sexan útiles para todos os veciños”. 

O Conselleiro percorreu a fortaleza

Máis alá de supervisar os traballos que atinxen á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez quixo coñecer de primeira man as actuacións que se están a realizar na fortaleza para a súa recuperación económica, turística e cultural. Guiados polo arqueólogo Víctor Muñiz, os presentes descubriron as actuacións que se están a atender dentro do proxecto de recuperación da Vila de Monterrei dos fondos Next Generation, así como outras previas ou privadas.

Descubriron a zona acuartelada do Castelo, ademais de poder valorar positivamente a construción dunhas casas rurais -iniciativa privada financiada cos fondos Leader do GDR Monteval- e coñecer o espazo no que apareceron restos de cerámica que datan do século IV a.C., o que demostra que houbo ocupación castrexa en Monterrei. 

Te puede interesar