La Región

MONTERREI

O Ringo da Devesa: "Cando deixei o camión chorei moito"

O transportista xubilado converteuse no heroe de Vilardevós ao rescatar a un compañeiro checo

O Ringo da Devesa: "Cando deixei o camión chorei moito"

Antonio Pérez Diz, máis coñecido como "O Ringo da Devesa", sacou as chaves do contacto do seu camión por última vez hai catro anos. Esta pasada fin de semana o ex transportista de Vilardevós volveu subir a unha cabina, nesta ocasión, para rescatar a un camioneiro checo que, confundido polas directrices do seu sistema de navegación GPS, acabou atravesado no acceso ao pobo da Devesa cando se dirixía a Eslovaquia procedente de Maia, Portugal. 

"Eu estaba en Verín facendo a compra. Un garda civil chamou á miña filla para pedirlle o meu contacto", recorda Ringo. "Díxome que lles tiña que botar unha man, que había un camioneiro checo atrapado na Devesa que nin tan sequera falaba castelán", engade. E é que todo o mundo sabe na comarca de Monterrei que "O Ringo", bautizado por unha ex moza polo seu cariño ao cantante dos Beatles e pola súa afección á música, é un home de mundo que, durante case 40 anos aos mandos do seu camión, tivo tempo de aprender varios idiomas: italiano, francés, alemán e portugués. 

"Eu collín o coche e vin para aquí. Atopei o camión atravesado nunha curva moi mala. Os gardas pedíronme que tratara de sacalo de onde estaba", conta o héroe de Vilardevós. O trailer, de 16 metros de lonxitude, non era sinxelo de manexar. O transportista checo, nervioso pola situación, non era quen de meter as marchas por unha avería no embrague. "O que pasou foi que, ao intentar dar a volta, pisou moito o embrague e quentóuselle, non lle entraba a marcha atrás. É algo que solo pasa nos Mercedes", explica Ringo, quen propuxo levar o tráiler ata preto do pobo para deixar enfriar o sistema."Metín a primeira para abaixo e aquí o deixamos", engade. Durante a agarda, e facendo gala dun perfecto alemán, Ringo preguntolle ao transportista, de 67 años de idade, se tiña fame. "Tróuxenlle chourizos, dúas botellas de cervexa, unha barra de pan, fruta e quesitos. O pobre levaría dende a mañá sen comer", recorda Ringo. "Claro, o señor contentísimo, e eu tamén por servilo", engade. 


Veciños e voluntarios


Os veciños da Devesa e os voluntarios de Protección Civil de Vilardevós -que tamén lle brindaron ao malogrado transportista un bocadillo e unha botella de auga- non quixeron quedar cos brazos pechados. Tampouco un conductor de Bustelo, que tratou, sen éxito, de sacar o tráiler. "Bueno, os veciños empezaron a animarme sen parar. Eu arranquei o camión, metinme por aí -sinala a unha das pequenas parcelas da contorna- e veña cara arriba ata unha explanada onde conseguín dar a volta", recorda Ringo, que foi quen de conducir marcha atrás o enorme vehículo casi 500 metros. "Cando cheguei arriba dixen, '¡veña, esto xa está!', pero o garda civil díxome que 'por Dios' non baixara do vehículo e que o deixara na autovía. E así o fixen. Eso sí, cando estiven alí, nunha subidiña que había saltoume a marcha, tiven que paralo. Pero nada, metín a primeira e ata arriba", rememora Ringo. "O señor despediuse de min cunha emoción terrible. Choraba e decía que Galicia era o mellor do mundo. Díxenlle aos guardias que o levaran ata a gasolineira a encher o tanque e eu baixei cos de Protección Civil de volta", engade. 


Coidado co GPS


Na Devesa estes días non se fala doutra cousa. "Din que me queren facer unha homenaxe, a ver se me van poñer unha calle", di Ringo entre risas. "Eu por todo o norte  teño amigos. Pasábao xenial no camión, cantaba por Camilo Sesto e Antonio Molina", conta Ringo facendo honra ao seu apodo. "Cando o deixei chorei moito", engade. Ringo non quere deixar pasar a ocasión para advertir sobre os GPS: "Nunha situación así hai que preguntar primeiro á xente".