A riqueza forestal de Lugo e Ourense recuperarase dende Riós

o convenio de colaboración, que estará vixente ata o vindeiro 2021, ascende aos 130.000 euros

O programa polo que se identificará, recuperará e promocionará a riqueza forestal das provincias de Lugo e Ourense no Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós xa está en marcha despois de que o conselleiro de Medio Rural en funcións, José González, e o rexedor local, Francisco Armando Veiga asinasen un convenio de colaboración por valor de 135.000 euros durante a mañá de onte. 

Preténdese, a través deste acordo, impulsar a multifuncionalidade dos montes galegos previsto no Plan de Reactivación e Dinamización da Consellería do Medio Rural para mellorar a competitividade do sector agrario galego tras a emerxencia sanitaria.

No marco do acordo, a Xunta impulsará diversas accións que pasarán pola identificación de soutos tradicionais e masas de frondosas autóctonas de especial interese nas provincias de Lugo e Ourense; a vixilancia e loita contra as pragas e doenzas destas árbores e tamén cursos de formación para produtores ou persoas interesadas en incorporarse ao sector primario.

O derradeiro convenio asinado en Riós buscaba promover o cultivo da castaña e estivo vixente ata o pasado 2019. O novo acordo, que traballará a prol de fórmulas de colaboración que dinamicen o terreo, durará ata o vindeiro 2021.

Te puede interesar