Turismo

O sector turístico coñece a Vía da Prata dende Verín

navcas_resultado
photo_camera Un momento da xornada celebrada na capital de Monterrei.
A iniciativa pretendeu involucrar á cidadanía na celebración do Ano Santo

O Museo Claustro Mercedario de Verín foi o lugar escollido para reunir durante a tarde de onte a representantes do sector do Turismo e plantexarlles as oportunidades que presenta a Vía da Prata do Camiño de Santiago. O encontro, a modo de mesa redonda e que se celebrou baixo o nome de Xornadas de Sustentabilidade no Camiño de Santiago, estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que puxo de manifesto a riqueza que xenera esta parte do itinerario santo nas localidades que atravesa. Do mesmo xeito, Castro destacou o importante esforzo económico que está a realizar a Xunta de Galicia para mellorar a súa sinalización e acondicionamento, cun investimento total de tres millóns de euros, así como para desenvolver un Plan de Mantemento, cunha achega de 1,6 millóns de euros. 

Durante a súa intervención, Nava Castro salientou a capacidade desta ruta para medrar dun xeito "sustentable" ao aunar un rico patrimonio, natureza e enogastronomía. No referido á acollida destacou, ademais, os pasos da Administración autonómica para reforzala da man de dous novos albergues que se integrarán na rede pública, na Gudiña e en Oseira. Neste senso, e segundo datos oficiais da Oficina do Peregrino, recolleron a Compostelá preto de 9.000 peregrinos que realizaron este itinerario.

A dinamización cultural para peregrinos como poboación local realizada pola Xunta a través de iniciativas como Vive o Camiño ou Camiños Sonoros, son outros dos aspectos que se abordaron na mesa redonda celebrada onte en Verín. Estas xornadas, coordinadas por Expourense, pretenden divulgar os atractivos naturais, patrimoniais e gastronómicos da Vía da Prata co obxectivo de incrementar o número de visitantes de fóra da Comunidade galega.

Te puede interesar