entrevista

“A talla de madeira non é tan difícil como pode parecer dende fóra"

Xosé Lois Carreira López.
photo_camera O mestre da Escola de Artes e Oficios de Verín, Xosé Lois Carreira López.
Xosé Lois Carreira é mestre da Escola de Artes e Oficios de Verín

O alumnado da aula de talla de madeira da Escola de Artes e Oficios de Verín amosa estes días os froitos dun curso enteiro de traballo ás ordes de Xosé Lois Carreira. Trátase dunha disciplina que está a ter unha grande acollida na capital do Támega, e que nos vindeiros cursos ampliará grupo.  

Dende cando está á fronte desta Aula de Talla e Madeira?

Dende hai 10 anos, pois entrei no 2008/2009 e teño na actualidade uns 20 alumnos, de 60 que ten a escola. Dentro de dous cursos dividirase a aula en dúas, debido á alta demanda existente. 

Cal é o perfil do alumnado?

Hai de todo un pouco. O 60 por cento son persoas xa xubiladas e que tiñan esa espiniña clavada. Algunha outra vén dun sector que toca, aínda que sexa tanxencialmente, o mundo da talla. O outro 30 por cento son novos e en activo que teñen afinidade por este mundo. Eu trato de adaptarme ás inquedanzas de cada un.

Que características ou habilidades hai que ter para desenvolver este arte?

Que che guste o debuxo, ou que tocaras, aínda que fose por enriba, a pintura ou a disciplina das Belas Artes. Hai xente que nunca collera unha ferramenta e que en cuestión de dúas ou tres semanas púxose a funcionar sen ningún tipo de problema. Non é tan dificil como pode parecer así dende fóra. 

Que beneficios lles aporta aos teus alumnos?

A aula de talla ten un gran compoñente social, é un punto de encontro. O alumnado fai grupo e compañía, moito máis aló da propia disciplina. A materia relaxa e é satisfactorio cando ves algo realizado coas túas propias mans.

É un legado...

Sí, ten ese compoñente de memoria, o deixar unha testemuña viva. 

Como é o voso proceso de traballo?

É como subir unha escaleira. Os primeiros peldaños son traballiños máis sinxelos. Parten dun modelo tridimensional ou pequenos deseños. O alto da escaleira serían formatos de maior envergadura e complexidade: bulto redondo.

Requírese dunha formación previa para desenvolver esta actividade?

Non, todo o contrario. As pequenas lagoas que eu vou detectando pois tentamos palialas. Sí é certo que teño varias alumnas que veñen do ámbito da costura e da patronaxe, elas teñen un don cultivado para trazar liñas e deseñar. 

Que se poderán atopar os visitantes nesta mostra?

Na exposición hai de todo un pouco, dende pezas moi complexas de xente que xa leva catro ou cinco anos na escola, ata outras máis sinxelas. A temática tamén é variada, dende creacións heráldicas ata pezas tridimensionais. Tamén hai obra en execución co obxectivo de que se visualice un pouco todo o proceso. Hai moito contraste neste senso. Poderase visitar na Sala Exposicións de Verín ata o 6 de setembro, en horario de 12,00 horas a 14,00 horas; e de 18,00 horas a 21,00 horas.

Te puede interesar