Tamara Balboa traballará "polos intereses do rural" en Vilardevós

photo_camera Jorge Lorenzo, Tamara Balboa e Rubén Fernández en Vilardevós. (Vídeo: C.C.).
Interior Galego Vivo terá representación en Vilardevós nas eleccións locais

A Casa da Cultura de Vilardevós foi o escenario escollido para dar a coñecer á nova candidata para as eleccións municipais: Tamara Balboa, quen vive e traballa no municipio e a que ten claro que a vida no rural pasa “por defender os nosos intereses e non os que impoñen dende as cidades”. A traballadora social preséntase por Interior Galego Vivo (IGV), “que nace tras ver que somos moitos os partidos do rural que temos obxectivos en común”, explica Rubén Fernández, de Xuntos por Chandrexa, quen estivo presente en Vilardevós para amosar que IGV se preocupa polo rural: “As nosas candidaturas pelexarán pola dignificación do mundo rural e dos nosos dereitos, o rural ten partido”. 

Tamén participou no acto o portavoz de Xuntos por Laza, Jorge Lorenzo. Este partido, tras estar no goberno de Laza e levar ao xulgado o acontecido na ruptura do seu bipartito -así o anunciou por primeira vez Lorenzo- volverá a presentarse ás eleccións, pero desta vez en coalición con IGV xa que “é unha ferramenta áxil para nós, é irma e coñece os nosos problemas, por iso decidimos ir da man”, anotou, quen apoiou en todo momento a súa compañeira comarcal: “Tamara vai ter moi bo resultado en Vilardevós, e se non é alcaldesa, por pouco quedará”. 

Pola súa banda, Tamara Balboa foi clara: “O medio rural ten futuro”, dixo convencida de que IGV é o que precisa Vilardevós. “O noso principal obxectivo é repoboar o medio, e para iso temos que pasar da política do cemento a das persoas, aproveitar os nosos recursos con medidas de xeración de emprego, de mellora dos servizos, de apoio ás pequenas empresas, ás persoas vulnerables, poñer en valor o patrimonio e facer que Vilardevós sexa atractivo. Pretendemos ser alternativa”. Agora, Vilardevós Interior Galego Vivo recorrerá os 29 núcleos do concello para coñecer as demandas e necesidades dos veciños, “e para escoitar coa súa axuda un programa electoral para un futuro en Vilardevós, habitado e habitable”, remarcou Balboa, con ilusión “de que o futuro sexa diferente”.

Tamara Balboa: "Os alcaldes deben vivir nos concellos nos que gobernan"

A traballadora social Tamara Balboa (Vilardecervos, 1986) afronta con ilusión e ganas esta nova aventura: presentarse á alcaldía con Interior Galego Vivo, un partido que nace do e para o rural. 

IMG-2191
Tamara Balboa. (Foto:C.C.).

Que a motivou a presentarse?

Son unha persoa que nacín aquí e vivo aquí. Penso que as cousas se poden facer doutra maneira. Eu non me resigno a escoitar que a este concello lle quedan dúas lexislaturas, creo que temos potencialidade e recursos. Dende sempre fun unha defensora do medio rural e da vida aquí, temos que dar un paso adiante.

 

Cal é o principal obxectivo?

Eu creo que me daría por moi satisfeita si hoxe, que temos 1.777 habitantes, lograramos polo menos estabilidade poblacional e que o centro educativo gañase alumnos. Daría esperanzas de futuro.

 

A súa lista é de persoas que viven en Vilardevós.

É unha cuestión de dignidade básica, vivir e traballar aquí. Dóeme moito que os alcaldes non vivan nos concellos que están gobernando. Sempre poño o mesmo exemplo: aceptariamos do mesmo grado que o presidente do Goberno vivira en París? Eu creo que as persoas do medio rural tampouco debemos aceptar que os nosos alcaldes non vivan nos concellos  nos que gobernan. Necesitamos alcaldes competentes, pero tamén veciños e facer comunidade. 

 

Como ve o panorama actual?

Nós presentámonos con ilusión, creo que imos ser capaces de motivar á xente, porque fuximos dos enfrontamentos. A nosa vai ser unha candidatura transversal que se centre nos problemas de Vilardevós. A política nestes últimos anos neste concello foi unha política que fixo moito ruído por ambas partes, sen solucionar os problemas da xente. 

Te puede interesar