monterrei

“O teu Xacobeo" chega este fin de semana a Riós

monterrei
photo_camera O rexedor de Riós, Francisco Armando Veiga, con persoal do Concello e Beatriz Comendador -segunda pola esquerda-.
Os cantantes Rosa Cedrón e Emilio Rúa actuarán o venres na Reitoral da Chaira

O Concello de Riós, en colaboración coa Xunta de Galicia, promoverá para esta fin de semana varias propostas culturais que se enmarcarán dentro da iniciativa "O teu Xacobeo" que pretende promocionar o vindeiro ano santo de 2021. Neste senso, o rexedor de Riós, Francisco Armando Veiga, en compañía da arqueóloga Beatriz Comendador e de persoal do Centro de Interpretación da Castaña e do propio Consistorio de Riós, presentou onte o cartel de actividades previstas para os vindeiros días 13, 14 e 15 de setembro no municipio.

A programación inaugurarase o venres, a partir das 20,30 horas, na Reitoral da Chaira -tamén coñecida como Casa da Castaña-. Alí actuará a Banda de Gaitas de Riós, as Cantareiras de Riós e os cantantes galegos Rosa Cedrón e Emilio Rúa. 

A festa continuará o sábado, día 14 de setembro, cunha fornada popular que se celebrará dende as 10,00 horas e ata as 14,00 horas no Forno Comunal. Ademais, a partir das 11,00 horas, na Casa da Castaña, haberá un obradoiro de producción e gravación de música tradicional, así como de arranxo e armonía tradicional. Tamén terá lugar, no mesmo sitio, unha charla que levará o título de "O tamborileiro tradicional". 

Os obradoiros continuarán pola tarde e incluirán un curso de pintura rupestre para nenos. A Coral de Riós, a Agrupación Musical local, Caamaño-Ameixeiras (composto por Sabela Caamaño e Antia Ameixeiras), Xestreu e a Banda de Garda poñerán a nota musical a partir das 20,30 horas da noite. 

A programación de actividades pecharase o domingo, día 15 de setembro, cunha andaina ao penedo gordo coa arqueóloga Beatriz Comendador, quen falará das peculiaridades deste enclave. A camiñata partirá ás 10,00 horas da Reitoral da Chaira e terá unha lonxitude de 12 quilómetros. 

O prezo de inscrición, de 10 euros, incluirá o xantar ao remate da andaina, para a que é posible inscribirse no Concello de Riós.

Te puede interesar