Turismo Monterrei mostra a comarca con crebacabezas virtuais

Unha muller ante un dos crebacabezas virtuais.
photo_camera Unha muller ante un dos crebacabezas virtuais.

O equipo de traballadores das oficinas de Turismo de Monterrei busca a maneira de reiventarse ante o peche das súas portas debido ás restricións vixentes na nosa comunidade autónoma.

Para achegar a todos aqueles, que estéan interesados na comarca de Monterrei, o seu patrimonio, o equipo desta entidade creou un pasatempos: crebacabezas virtuais. 

A través dunha aplicación -que se pode atopar nas redes sociais de Turismo Monterrei e @descubremonterrei-, crean retos visuais, para que os usuarios poidan "fixarse neses pequenos detalles do noso patrimonio que non se perciben nunha simple foto", aseguran dende Turismo Monterrei.

 Con crebacabezas da Atalaia, da porta do antigo Hospital de Peregrinos, de Requeixo ou da Acrópole, entre outros, o equipo da oficina de turismo quere dar a coñecer a cultura desta zona dunha maneira peculiar.

"É unha forma de divulgar os recursos turísticos do concello de Monterrei nas redes sociais dunha forma diferente", declaran dende Turismo Monterrei, que ante a situación sanitaria actual decidiron buscar alternativas para os usuarios desta entidade. 

A iniciativa está a ter boa acollida en redes, "ten máis visualizacións que unha simple fotografía ou outra publicación", polo que o equipo de Turismo Monterrei está satisfeito con este proxecto. 

Ademais, aseguran que, "ante a pouca marxe que temos para realizar actividades, buscamos a maneira de chegar á xente", e que mellor maneira que a través das redes sociais con pasatempos para estes tempos. 

Te puede interesar