Últimos días para visitar “Notas de cor" en Verín

Algunhas das pezas que compoñen a mostra.
photo_camera Algunhas das pezas que compoñen a mostra.
Ao redor de 200 pezas vinculan a música coas artes plásticas, e foron feitas polos alumnos da Escola de Artes e Oficios

Os verineses teñen unha última cita co programa Nadal e Reis e, concretamente, coa mostra "Notas de cor", feita polos alumnos da Escola de Artes e Oficios. A exposición, inaugurada o pasado 20 de decembro, apura os seus derradeiros días xa que pechará este sábado, día 11 de xaneiro, ás 21,00 horas da noite.  

Trátase de 200 obras realizadas por artistas locais de idades comprendidas entre os seis e os 80 anos e a temática de todas as pezas vincula a música coas artes plásticas. 

Na sala de exposicións de Verín, pódense mirar esculturas elaboradas en cartón pedra por nenos e cunha estética inspirada na banda deseñada e nos debuxos animados, con músicos que tocan instrumentos de percusión, vento, corda ou tecla. 

"Notas de cor" reflicte a inmensa pluralidade de visións que os aspectos musicais suscitan a quen os quere transmitir a través das artes plásticas, plasmados nunha gran diversidade de técnicas e soportes.

Por outra banda, a relación entre os paxaros, os océanos e os astros e o feito musical son motivos aos que aluden algunhas das outras obras expostas. No eido da simboloxía, algúns dos artistas que expoñen recrean os vellos códigos da escritura musical do medievo e outros decidiron reconvertir as portadas dos discos e reutilizar vellos LP e CD como soportes para facer novas creacións plásticas. 

Por último, tamén se poden visitar bodegóns, terracotas, música de pandeiretas, acrílicos e ceras.

Te puede interesar