audiovisual

Verín ábrelle as portas a nove días cheos da maxia do cinema

photo_camera Asistentes á gala inaugural da segunda edición do Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV.

Comeza a segunda edición do Festival de Curtas, que ofertará máis de 60 horas de actividades

Verín puxo en marcha onte a segunda edición do Festival de Curtas (FIC) Vía XIV, un evento que encherá de maxia e cinema os vindeiros nove días na vila. O Auditorio verinense acolleu a gala inaugural do certame, na que participaron o tenente alcalde da vila, Diego Lourenzo e o director do certame, Carlos Montero. Nun transcurso do acto, presentado polo actor Tonho Salgado e que congregou a máis de 150 persoas, presentáronse en detalle as liñas temáticas do festival e púxose en valor a súa relevancia.

En total, serán máis de 60 horas, entre proxeccións e actividades paralelas ligadas ao cinema, as que compoñen a programación desta segunda edición do Festival. Como filme inaugural, proxectouse "Os días afogados" de César Souto e Luis Avilés. Os dous directores da cinta, que se ten amosado en diversos festivais internacionais e conta unha historia de fronteira e loita cívica que ten lugar na raia seca, estiveron presentes no acto inaugural do FIC Vía XIV.

No transcurso do acto de inauguración, o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, sinalou que “a xente de Verín fai gala dunha imaxinación de contundente fertilidade” que se manifesta, sobre todo, nas datas de Entroido. “Somos un pobo creativo e amante das artes”, afirmou. Xunto a isto,  

indicou que “o Festival de Curtas de Verín é a nosa aposta estrutural por entrar na linguaxe”do cinema, porque “na nosa vila medramos mirando cara aos escenarios e levamos todos dentro un actor”.

O FIC xirará arredor das mesmas temáticas do ano pasado: Entroido, Fronteira e Emigración, tres conceptos moi instalados no imaxinario colectivo verinés. Se ben, os organizadores do Festival percatáronse, segundo sinalou Carlos Montero no acto inaugural, de que era necesario reorganizar as categorías posto que as de Emigración e Fronteira se solapaban en certa medida. Deste xeito, nace a categoría Horizontes como representación simbólica desa liña imaxinaria e invisible que é metáfora das migracións. Nesta categoría participarán un total de dez curtas.

A ela súmase unha categoría galego-portuguesa denominada A Raia, na que se poderán ver unha selección de 17 curtas de cineastas de Galicia e de Portugal.

De igual xeito, a sección dedicada ao Entroido recibe agora o nome de Outra Mirada e recollerá 12 obras. Paralelamente, creouse unha categoría a maiores denominada Nova,  para dar a posibilidade de concursar a diferentes pezas que non tiñan cabida nas outras categorías temáticas establecidas. Nesta sección concursarán 15 curtas.

Esta programación compleméntase cunha ampla serie de actividades paralelas arredor do mundo do cine que se prolongarán ata o vindeiro domingo día 10, un evento co que os organizadores agardan propiciar un retorno económico de máis de 150.000 euros para Verín e a súa comarca.

Te puede interesar