Salud

Verín contará cunha oficina da Asociación Contra o Cancro

María Isidora Gómez, Gerardo Seoane, e Kelly Pereira durante a firma do convenio no Concello de Verín.
photo_camera María Isidora Gómez, Gerardo Seoane, e Kelly Pereira durante a firma do convenio no Concello de Verín.
Estará ubicada na praza García Barbón e prestará atención de luns a venres excepto os martes

Verín contará a partir desta semana cunha nova oficina da Asociación Española contra o Cancro. A entidade prestará servizo e asesoramento na capital do Támega grazas a un acordo de colaboración que foi asinado onte entre o rexedor local, Gerardo Seoane, e a presidenta da asociación en Ourense, María Isidora Gómez Segade.

Grazas a este convenio, a entidade terá unha sede local na vila para poder cumprir, de maneira máis efectiva, o seu traballo neste entorno. Deste xeito, a nova oficina da Asociación Española contra o Cancro de Verín estará ubicada na praza García Barbón, concretamente, na antiga Praza de Abastos, e a súa técnico responsable, Kelly Pereira, atenderá aos usuarios de luns a venres -a excepción dos martes- . 

"Este acordo contribúe a que esta entidade sen ánimo de lucro poida ofrecer os seus servizos na vila dunha maneira moito máis próxima, prestando un apoio importantísimo ás persoas que padecen ou padeceron esta enfermidade e aos seus familiares", manifestou o alcalde verinés, Gerardo Seoane, durante o acto no que se asinou o acordo. 

Pola súa banda, a responsable provincial da entidade, María Isidora Gómez, destacou "o gran logro que supón ter presenza neste  concello xa que é unha das localidades da provincia máis poboadas e que contan cun Hospital Público no que se presta tratamento oncolóxico".

Kelly Pereira, a técnico que estará presente en Verín e que tamén traballa activamente noutros concellos como o de Xinzo, explicou que o obxectivo da apertura desta nova oficina é "informar, apoiar e orientar ás ás persoas afectadas pola enfermidade, así como aos seus familiares, durante todo o proceso dunha maneira máis próxima". 

Entre outras actividades, a oficina da Asociación Española contra o Cancro de Verín procurará achegar as campañas de prevención e información que levan a cabo dende a entidade; realizar charlas informativas coa intención de cubrir a necesidade de información, dúbidas e novidades que poidan xurdir sobre a enfermidade e todo o que esta implica e celebrar talleres, actividades recreativas e grupos de apoio a pacientes.

Por último, nesta nova oficina poderase solicitar información sobre axudas económicas, préstamos de material ortoprotésico, orientación e información sobre prestacións económicas,ou información e tramitación de pisos de acollida.

Te puede interesar