monterrei

“Verín enclave de gaita" superou os 700 visitantes

20190816185843375_resultado
photo_camera A mostra pódese visitar no Museo Claustro Mercedario da vila de Verín.

A mostra, ubicada no Museo Claustro Mercedario de Verín, abriu ao público o día 6

A mostra "Verín enclave de gaita" continúa a recibir a persoas que queren coñecer mais sobre o mundo do instrumento galego de referencia. A exposición, ubicada no Museo Claustro Mercedario da localidade, abriu as súas portas o pasado día 6 de agosto e, dende aquel momento, pasaron por ela máis de 700 visitantes. Trátase dun dato que confirma a boa acollida que está a ter a exhibición da colección de gaitas, pois apenas pasaron 10 días dende a súa inauguración oficial. Os curiosos que pasan por estas instalacións poden gozar dunha mostra iconográfica "única" e observar exemplares de gaitas primitivas interpretados e expostos "para achegarnos á historia deste instrumento", tal e como explican dende o Consistorio verinés. 

O seguinte evento que se celebrará ao abeiro desta mostra será a presentación dun ensaio escrito por ruth foxo

"Verín enclave de gaita" é un proxecto fomentado polo propio Concello e que busca desvelar a historia da gaita e achegala a unha vila que, por tradición, contou dende sempre cun gran número de gaiteiros e amantes deste instrumento entre os seus veciños. 

Ao abeiro desta mostra celebraronse unha serie de actividades culturais e musicais paralelas, como por exemplo, unha visita pola exposición que foi guiada polo propio Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Bandas de Gaitas; un concerto da Banda de Gaitas do Concello de Verín -que serviu de escaparate para a peza que encabeza a exposición principal do programa, o gaiteiro do retablo de Santuario de Vilamaior do Val- e unha conferencia sobre a iconografía da gaita impartida tamén por Xosé Lois Foxo.

Lonxe de rematar, a programación de eventos continuará ao longo das vindeiras semanas na capital comarcal -as datas coñeceranse próximamente-. Entre outras, celebrarase a presentación dun ensaio escrito por Ruth Foxo. O traballo literario recolle unha ruta polas gaitas que forman a mostra exposta no Museo Claustro Mercedario e que foi editada polo Concello de Verín.

A mostra é froito da colaboración entre o Concello, a Escola Provincial de Gaitas de Ourense e o Obispado de Ourense.

Te puede interesar