Medio Ambiente

Verín limpará o tramo máis urbán do río Támega

Rio tamega verin
photo_camera A limpeza centrarase entre a Ponte de Verín e Pazos.
Os traballos, aprobados pola Consellería de Medio Ambiente, comezarán mañá luns

O Concello de Verín iniciará durante a xornada de mañá luns, día 23 de septembro, novas actuacións de limpeza e conservación no tramo urbán do Río Támega, concretamente, nas zonas localizadas entre a Ponte de Verín -o Olivar- e Pazos. 

O obxectivo fundamental destes traballos será, por unha banda, o de previr problemas de cheas invernais e, pola outra, consolidar un caudal mínimo continuo ao longo de dito tramo que pasa polo centro da capital comarcal de Monterrei. 

Segundo explicaron dende o Goberno local, a primeira parte da intervención consistirá na limpeza da vexetación que invade o leito e na colocación de gravas na paraxe do Olivar. A segunda parte incluirá a limpeza de vexetación na paraxe da Noria, Ponte de Melo e da Área recreativa de Pazos. 

Para poder facer esta actuación, o Concello de Verín tivo que solicitar a correspondente autorización á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia dende onde matizaron que a intervención "non causa prexuízo á integridade do espazo e non afecta de xeito significativo a hábitats prioritarios ou a núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación ou elementos da paisaxe que revistan unha importancia fundamental para os compoñentes da biodiversidade".

O alcalde de Verín, o socialista Gerardo Seoane, explicou que se trata "dunha actuación preventiva máis das que vimos realizando, previa autorización da Xunta de Galicia, en zonas onde a acumulación de grava, broza e suciedade converten certas zonas do leito do río Támega en puntos de perigo de inundación", dixo o primeiro edil verinés.

Te puede interesar